Reactívanse as vacinacións masivas en toda Galicia
- En seis días vacinaranse 145.000 persoas de 60 a 65 anos e de 75 a 79
- A Delegación do Goberno recibía onte 105.300 doses de Pzifer e 58.400 de AstraZeneca
Esta remesa que permite acelerar o ritmo de vacinación nunha comunidade que figura nos últimos postos en porcentaxe de vacinación, só por diante do País Vasco, Navarra e Cantabria. As doses enviáronse aos 14 puntos de vacinación nos que a Xunta pretende vacinar a 145.000 persoas en seis días.
Na provincia de Ourense, por exemplo, 15.635 persoas van ser vacinadas no recinto feiral de Expourense, 2.025 no Hospital de Verín e 1.960 no hospital de Valdeorras.
O circuíto de Expourense
Entre hoxe e mañá 5.265 persoas de entre 60 e 65 anos recibirán a primeira dose de AstraZeneca. Voluntarios de Protección Civil agárdanas na porta de entrada para recibilas. A zona de recepción está montada no vestíbulo do recinto feiral. Tres persoas encárganse de comprobar a correspondencia de cada cita co paciente e con cada tipo de vacina que se vai administrar ese día. Para iso, hai que mostrar a mensaxe recibida no teléfono cun código QR.
Se hai algún erro na lectura confirman a cita co DNI ou coa tarxeta sanitaria e imprímena en papel para poder presentala no posto de vacinación correspondente.
Seguindo as frechas marcadas no chan, accédese á zona onde hai que agardar a que asignen un posto de vacinación. Só hai que estar pendente a que saia o número nunha pantalla, como cando agardas para pagar nas caixas dos supermercados.
Dez persoas vacinadas cada dous minutos
Hai dez postos de vacinación atendidos por dúas enfermeiras. Unha encárgase de comprobar a identidade do paciente mediante un lector de códigos QR e outra de administrar as vacinas. Cada dous minutos poden vacinar a unha persoa.
Rematada a vacinación, outra serie de frechas indican o circuíto que hai que seguir para chegar á zona acondicionada para agardar durante quince minutos antes de marchar. Un equipo médico é o responsable de atender as persoas que poidan sufrir algún efecto adverso. Pasado ese tempo, sairán do recinto sen cruzárense en ningún momento con outras persoas.
Josefa Rodríguez, a coordinadora da campaña de vacinación na provincia de Ourense, salienta que “o que nos permite este tipo de dispositivos externos aos centros de saúde é a capacidade de vacinación. Nos aquí mañá imos vacinar a case 4.000 persoas con todas as medidas de seguridade, o que sería inviable nun centro de saúde”.
Ninguén quedará sen vacinar
Do xoves ao domingo, 10.100 pacientes de entre 75 e 79 anos farán o mesmo circuíto para recibir a primeira dose de Pfizer. Aos deste grupo de idade citáronos vía SMS e despois chamáronos por teléfono para confirmar a cita.
Os equipos de vacinación contan con persoal para facer o balance de vacinación tralo remate de cada xornada. Logo de analizar as incidencias, comproban que persoas non acudiron a vacinarse para averiguar por qué e citalas para outro día. A diferenza do que se fixo ata agora, a citación xa non é polos apelidos senón pola idade. Empezarán polos máis maiores para que os máis vulnerables queden protexidos antes contra a covid.