Enlaces accesibilidad

Primeira base aérea transfronteiriza con Portugal para loitar contra os lumes nos concellos ourensáns de Verín e Oímbra

  • Permitirá mellorar a resposta dos medios a ambos lados da raia
  • Terá que estar rematada a finais de 2022

Por
Base aérea transfronteiriza "Interlumes", en Oimbra e Verín

A Xunta vai comezar en breve a expropiación forzosa de 23 hectáreas de terreo para construír a base aérea transfronteiriza "Interlumes", na raia con Portugal, nos concellos ourensáns de Verín e Oímbra.

Cando remate este proxecto haberá un antes e un despois

Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte, di que na loita contra os lumes haberá un antes e un despois deste proxecto.

Avións, hidroavións e helicópteros

O aeródromo contará cunha pista de aterraxe de algo máis dun quilómetro de longo e 30 metros de ancho e poderá acoller seis avións de carga en terra e catro helicópteros. Os hidroavións tamén poderán usala. Ademais, disporá de varios tanques de combustible e depósitos de auga para que operen dous avións á vez.

José González, conselleiro de Medio Rural: "Con esta base pretendemos aumentar a capacidade de resposta e de colaboración conxunta e buscar un mando único con Portugal".

Resposta máxima en 15 minutos

Dende a base pódese acudir a calquera incendio que se produza na raia ata Tui nun máximo de quince minutos. Os lumes en ámbolos dous lados son frecuentes. Dous pilotos, un portugués e outro español, faleceron o verán pasado ao estrelarse o hidroavión co que extinguían un incendio en Lobios que comezara en Portugal. E no outono de 2017, outro lume que empezara en Lobios pasou ás Terras do Douro.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "O lume non entende de fronteiras, pasa de España a Portugal, de Galicia ao Norte de Portugal".

A base vai custar máis de nove millóns de euros. A Xunta vai aportar catro e o resto sairá dos fondos europeos. Para non perder estes cartos terá que estar rematada a finais do 2022.

Que se constrúa na comarca de Monterrei débese a que é o territorio de España con máis actividade incendiaria.