Enlaces accesibilidad

'Maio solidario', unha recollida para os bancos de alimentos de Galicia e Castela e León que vai axudar a cen mil persoas

  • Organízaa a cadea de supermercados Gadis e o obxectivo é superar os 50.000 quilos do ano pasado
  • A inicitativa ten case unha década de vida

Por
Gadis e os bancos de alimentos, xuntos no 'Maio solidario'

Empeza a campaña de recollida de alimentos chamada "maio solidario" que ten case unha década de vida. É en favor dos bancos de alimentos de Galicia e Castela e León. Organízaa unha coñecida cadea de supermercados e o obxectivo é superar os 50.000 quilos que se xuntaron o ano pasado.

Fina Calviño,  cliente dun supermercado da Coruña, mira ben que produtos doar. Dubida un pouco: “A min gustaríame saber que é o que realmente necesitan. Eu collín un pouco a boleo, o que fago normalmente. Pero gustaríame saber se andan escasos de algo en concreto”.

Colle leite, tamén leite infantil, galletas, conservas..., e acerta.

Produtos que non caduquen

Fan falta produtos que non caduquen en tempo, artigos de hixiene básica e comida en lata, porque hai moita xente que medir o consumo da electricidade ou do gas.

“Hai moita xente que non ten moita posibilidade de cociñar... Non todo o mundo pode dispoñer dunha cociña moito tempo”, indica Conchi Rey, a directora do Banco de Alimentos da Coruña.

O ano pasado recolleron 50.000 quilos

É o noveno ano que os bancos de alimentos recollen nesta cadea de supermercados. Aos estantes chegaron neste tempo máis dun millón de quilos.  No maio de 2020, 50.000, e iso que foi un ano malo.

Antonio Cortés, director de Responsabilidade Social de Gadisa explica que “O produto canalízase a través de once bancos de alimentos. Estes once bancos abastecen a 800 ONG, que atenden 30.000 familias con 100.000 usuarios”.

Os organizadores desta recollida de alimentos indican que está ben ter remanente para o que poida pasar cando rematen os ERTE.