Enlaces accesibilidad

A normalidade, máis preto

  • Adeus ao toque de recollida e ao peche perimetral da comunidade e horarios máis amplos para a hostalaría
  • Hoxe publícanse no DOG as novas medidas. As que afectan a dereitos fundamentais deberán contar co aval da xustiza

Por
Galicia volta este domingo case á normalidade

Alivio, pero tamén moita cautela. Así se reciben na rúa as novas medidas que substitúen o estado de alarma a partir domingo e dan un paso máis cara a normalidade. Este venres é último día no que os galegos temos que estar na casa antes das once da noite.

O toque de recollida atrásase mañá ás doce

O toque de recollida atrásase mañá ata as doce para que enlace xa co final do estado de alarma. A Xunta quere que a ampliación do horario da hostalaría comece tamén mañá. Os bares poderán abrir ata as once da noite e os restaurantes ata a unha da madrugada, iso sí, con reserva previa, rexistro da clientela e medidores de CO2.

Estamos pendentes de que hoxe se publiquen as normas no DOG para coñecer todo con detalle, pero a priori contentos

“Estamos pendentes de que hoxe se publiquen as normas no DOG para coñecer todo con detalle, pero a priori contentos.Temos que ir pouco a pouco dando pasos para adiante e recuperando a normalidade”, celebra Alberto Moure desde o restaurante Marte, no casco histórico de Santiago. A poucos metros, Javier Calo, xerente do Farggi, sostén que hai que esperar “a ver como reacciona a clientela, porque a xente ten moito medo e sae pouco. Non serve de nada poder abrir máis horas se a xente non vén”.

Termina o peche perimetral de Galicia

Tamén se erguen as restricións de mobilidade. Decae o peche perimetral da comunidade e poderáse entrar e sair de Galicia sen xustificación. As persoas que veñan de zonas con alta incidencia deberán anotarse no rexistro de viaxeiros.

As reunións seguirán limitadas a un máximo de catro persoas non conviventes no interior e seis no exterior. E quedan prohibidas entre a unha e as seis da madrugada, tanto no domicilio como na rúa. Isto terá que autorizalo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Que tamén deberá ratificar que nos concellos cunha incidencia moi alta se manteña o toque de recollida ás once da noite e o peche perimetral.

Canto antes cheguemos á vida normal, mellor, quero vivir

“Canto antes cheguemos á vida normal, mellor, quero vivir”, asegura unha moza mentres toma un café cunha amiga nunha terraza de Compostela. Ao que esta engade que “o que máis botamos de menos é poder ir de festa”. Pero en xeral os cidadáns na rúa amósanse cautelosos. “A experiencia dinos que as últimas veces que nos precipitamos tivemos que dar un paso para adiante e dous para atrás, así que mellor ir pouco a pouco”, comenta un mozo. Outro asegura que “notas unha certa liberdade, pero aínda temos que ser conscientes de que estamos como estamos”.

Nas residencias de maiores tamén se anuncian pasos cara a normalidade. Amplíanse as saídas de tres a cinco semanais. Os usuarios poderán ir pasar un mínimo de cinco días coas súas familias e durante as visitas permitirase o contacto físico, tras máis dun ano sen poder bicarse nin abrazarse.