Os Mártires de Oseira: a matanza silenciada
- 112 anos da maior matanza de civís en tempos de paz acontecida en Galicia durante o século XX
- Rapaces do colexio de Cea rescatan a morte de nove parroquianos que se opoñían ao traslado do baldaquino do mosteiro de Oseira
O colexio público de Cea, en Ourense, vén de render a primeira homenaxe aos coñecidos como "Mártires de Oseira", nove labregos -entre os que se atopaba unha muller embarazada e dous escolares- que foron abatidos a tiros pola Garda Civil en abril de 1909. O seu "delito" foi opoñerse ao traslado do valioso baldaquino do Mosteiro de Oseira, que o novo bispo pretendía levar á capital provincial.
A matanza de Oseira provocou encendidos debates no Congreso e no Senado
O suceso, segundo a análise do historiador Miguel Cabo tivo lugar nun periodo convulso previo á Semana Tráxica de Barcelona. Causou tal conmoción que foi obxecto de debate nas Cortes Xerais e fixo correr ríos de tinta a unha e a outra beira do Atlántico. Houbo protestas contra o goberno conservador de Maura, que non esixiu responsabilidades ao tenente Salinas -xefe do destacamento da Garda Civil- pero someteu a xuízo aos parroquianos sobrevivintes.
“Esta homenaxe tan modesta da escola de Cea é sorprendentemente a primeira que se lle fai aos Mártires de Oseira en toda a súa historia“
A traxedia de Oseira caeu posteriormente no esquecemento, ata que unha profesora en prácticas no cole de Cea, tropezou con ela por casualidade. O seu traballo e o dos alumnos de sexto de primaria sacou á luz aspectos esquecidos desta historia e devolveu a dignidade a uns campesiños que pagaron coa vida a defensa do patrimonio.