Enlaces accesibilidad

Soledad Campos Gil: a muller que amaba as pedras

  • Moeche réndelle homenaxe erixindo unha estatua na súa memoria á carón do castelo da localidade
  • Soledad era a única en elaborar, con pedra de toba, os coñecidos como "xaboncillos" que marcaban chapas coas que construían os buques máis grandes do mundo

Por
Homenaxe a Soledad Campos, a muller que pintaba no ferro candente

O concello de Moeche, na Coruña, é terra de canteiros, grazas ás súas especiais características xeolóxicas. Un dos minerais que mais abundan é a toba, coñecida como toelo neste municipio de Ferrolterra. Pola súa blandura, resulta moi doado de traballar, e máis canto máis clara é a pedra.

Cando en Bazán ou Astano os xaboncillos de Soledad se acababan, ralentizábase a actividade nos estaleiros

Coa toba de cor branca, Soledad Campos Gil elaboraba os "xaboncillos". Uns obxectos moi aprezados na industria naval, entroutros sectores. Con eles marcábanse as chapas dos barcos durante a construción, e a marca permanecía mesmo cando se daba calor ás pezas de ferro, ata chegar á incandescencia.

Durante décadas Soledad foi a única persoa que elaboraba eses xaboncillos

Soledad Campos Gil

A ela nunca lle importou que algúns considerasen este traballo máis propio de homes. Traballando coas pedras dende 1935 sentíase feliz. Tiña unha habilidade especial para elaborar as pezas de marcar, pero tamén para localizar nos montes as pedras de "toelo". Os veciños colaboraban con ela, e cando atopaban algunha destas pedras mentres araban as terras, chamábanna a ela.

Soledad Campos Gil faleceu en 1993 con 92 anos. Malia o tempo pasado, en Moeche gárdase o seu recordo, un recordo que dende agora será imperecedeiro. Na súa honra erixiuse unha estatua, elaborada en pedra de toelo, como non podía ser doutra maneira.

Nela podemos ver a Soledad coas súas ferramentas de traballo, un estaleiro e o castelo de Moeche, emblema deste concello que decidiu que unha muller que o que fixo toda a súa vida foi traballar, ben merecía unha estatua.