Enlaces accesibilidad

O turismo empeza a recuperarse co remate do peche perimetral e a mellora sanitaria

  • Nas axencias de viaxes aumentan a demanda de información e as reservas
  • Os que saíron de Galicia volveron buscar o sol, boa parte voaron a Canarias.

Por
Recupérase o turismo

O que sucedeu nos párking do aeroporto de Lavacolla, en Santiago, pode servir de termómetro das ansias por viaxar que fomos acumulando nos meses de estado de alarma.

Despois de moito tempo baleiros, recuperaron a actividade e mesmo acadaron ocupacións superiores ao 35 por cento. Nada comparable ao cheo que se produciría se estiveramos nunha situación norma, pero abre a porta á esperanza de mellora para o sector.

Nesta ocasión a fin de semana viña seguida do día 17, festivo en toda Galicia.

Canarias, de novo destino preferido dos galegos

Os que saíron de Galicia volveron buscar o sol. Boa parte voaron a Canarias.

A preferencia polo arquipélago constátase tamén no tímido reinicio da actividade das axencias de viaxe. Cada vez son máis as persoas que pasan por elas ou que as consultan por internet preparando as viaxes dun verán e dun outono nos que se agarda que a situación sanitaria permita volver viaxar.

Máis seguridade para saír que para vir

Grazas a este aumento da actividade as axencias van recuperando a traballadores que levaban meses en ERTE. Mellora a situación, sobre todo para as viaxes de saída de Galicia. Non tanto no turismo de entrada. A evolución dispar dos distintos países, a supresión de voos internacionais durante a pandemia e a inseguridade sobre posibles cancelacións fan que, de momento, a venda de paquetes turísticos sexa máis lenta.

Tamén lentamente vai aumentando a afluencia de peregrinos. A rede de infraestruturas das distintas rutas está á espera que a confirmación da mellora sanitaria permita que ese incremento siga, en pleno Xacobeo 21.