AstraZeneca ou Pfizer: os expertos son partidarios de non combinar as vacinas
- Os expertos sanitarios advirten de que as dúbidas sobre segunda dose pode crear confusión e atrasar a aplicación da vacina
- A OMS e a Axencia Europea do Medicamento aseguran que a vacina de AstraZeneza é segura e eficaz
Moitos expertos insisten en que tanto a Organización Mundial da Saúde coma a Axencia Europea do Medicamento avalan a eficacia e seguridade de todas as vacinas autorizadas, incluída a de AstraZeneca, e en que o máis recomendable sería que, aos que recibiron a primeira dose deste laboratorio, se lles poña tamén na segunda.
“Completar a pauta vacinal coa mesma vacina coa que se iniciou é o máis doado, o máis sinxelo, o máis rápido, e para o que temos máis datos de seguridade e de eficacia“
O pediatra e investigador do Hospital Clínico de Santiago Federico Martinón teno claro: "Faría o que recomendan a AEM e a OMS: completar a pauta vacinal coa mesma vacina coa que se iniciou. É o máis doado, o máis sinxelo, o máis rápido, e para o que temos máis datos de seguridade e de eficacia. Sabemos que iso funciona e funciona moi ben”
Dúbidas das comunidades autónomas
As dúbidas e as posicións contraditorias das distintas comunidades autónomas fixéronse patentes na decisión da Comisión de Saúde Pública que, finalmente decidiu, de xeito provisional, que aos menores de 60 anos, se lles aplique a segunda dose de Pfizer.
Algo que, insisten os expertos, non está avalado polos datos científicos existentes e pode crear máis confusión entre a poboación afectada.
“O máis importante é que se vacine todo o mundo o antes posible, e isto o único que fai é retrasar a vacinación“
"Estamos engadindo complexidade onde non a hai. O máis importante é que se vacine todo o mundo o antes posible, e isto o único que fai é retrasar a vacinación”, indica Martinón.
Vacinas sen utilizar
Un retraso que fai que case dous millóns de doses de AstraZeneca en toda España e 60.000 en Galicia estean pendentes de aplicarse ou non.
O especialista en vacinas Federico Martinón engade: "A pena é que ese millón, case dous millóns de doses, xa poderían estar postas en outra xente como primeira dose. E se non é no noso país, porque non queremos utilizar esa vacina polo motivo que sexa, en outros moitos países que non teñen acceso sequera a unha delas”.
Que a decisión definitiva sexa igual para todas as comunidades é outra das peticións á administración sanitaria, pera evitar que a confusión prexudique ao proceso de inmunización fronte á pandemia.