Enlaces accesibilidad

Galicia presenta en Fitur o dobre Ano Xacobeo e o reto de superar os cinco millóns de visitantes

  • Ofrece na gran feira do turismo unha oferta variada para atraer este verán os viaxeiros que perdeu pola covid
  • Converterse en peregrino virtual é un dos atractivos do ‘Túnel do Camiño’

Por
Galicia en Fitur

Percorrer Galicia a bordo dunha furgoneta camper. Un sector en pleno auxe que se incrementou coa pandemia, debido á demanda de rutas ao aire libre e ao distanciamento social. É o que ofrece a empresa ‘Compostela Campers’, unha das poucas galegas que conta con expositor propio nesta edición de Fitur. “Nos días que dura a feira temos bastantes reunións con axencias de viaxes que queren promocionar o destino Galicia coa opción de autocaravanas nos seus paquetes”, asegura o seu Director Xeral, Elías Rozas, que recoñece que o alugueiro destas furgonetas xa está completo para o mes de agosto.

Temos bastantes reunións con axencias de viaxes que queren promocionar a opción de autocaravanas

Sector esperanzado

Aínda que con moita menos participación e condicionada polas medidas fronte á Covid-19, Fitur marca un punto de regreso. O sector amósase esperanzado tras un ano especialmente duro e agarda que Galicia volva superar o récord de cinco millóns de visitantes acadado en 2019. “O verán pasado foi bo e este agardamos que sexa aínda mellor. Se conseguimos igualar as cifras de 2019 estaremos moi contentos. Necesitamos urxentemente que o sector comece a despegar e confiamos en que o Camiño de Santiago nos axude”, sostén Cesáreo Pardal.

O verán pasado foi bo e este agardamos que sexa aínda mellor

Preside o Clúster Turismo de Galicia, que ocupa unha esquina do expositor de mil metros cadrados que Galicia levou á feira. O Xacobeo é o eixo vertebrador deste stand e o principal reclamo co que a comunidade trata de posicionarse como un destino seguro. “Levamos un ano traballando moito para ter as máximas precaucións e mesmo formamos ao sector para recibir aos turistas e peregrinos que veñan a Galicia e así transmitirlles a máxima seguridade”, afirma Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia.

Peregrino virtual

Converterse en peregrino virtual e experimentar en primeira persoa a experiencia de percorrer o Camiño de Santiago é un dos atractivos que ofrece o posto de Galicia a través do ‘Túnel do Camiño’, nunha edición onde as novas tecnoloxías adquiren protagonismo e o presencial se combina co virtual. Tamén é posible facer unha foto xunto a unha réplica exacta do botafumeiro da Catedral de Santiago ou ver de preto como se elaboran a man, peza a peza, os zocos de deseño de Elena Ferro, premio nacional de artesanía.

O ano pasado visitaron o stand de Galicia 77.000 persoas, que se reducirán a unhas 5.000 nesta edición polas medidas anticovid.

Ata o domingo acollerá máis de corenta presentacións e ducias de reunións con turoperadores para captar viaxeiros nacionais e internacionais.

Captar viaxeiros

En Andalucía vai calor, é coma no Congo; nós buscamos algo diferente e por eso optamos por Galicia

“En Andalucía vai calor, é coma no Congo; nós buscamos algo diferente e por eso queremos optar por Galicia”, cóntanos Arlette Gienga, promotora da Cámara de Comercio e Industria do Congo Central.

Desde o outro lado do Atlántico, o Director de Planeación de Turismo de Nueva León, en México, busca no stand de Galicia información sobre o Camiño “porque a idea é facer un camiño de Santiago desde Monterrei, que é a capital do meu estado, ata Compostela”.

Paseniñamente, pero o turismo está de volta.