Enlaces accesibilidad

Jimena Fernández de la Vega, Científica do ano 2021

  • Primeira licenciada en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela en 1919, xunto coa súa irmá xemelga Elisa
  • Pioneira da xenética en España despois de investigar en centros de Alemaña, Austria e Italia

Por
A Academia Galega de Ciencias distingue a Jimena Fernández de la Vega

Cando en 1913 Jimena e a súa irmá Elisa empezan a estudar Medicina na Universidade de Santiago, os seus compañeiros non dan crédito.

A presenza de mulleres nos estudos universitarios estivera vetada ata había poucos anos. Soportan miradas escépticas no mellor dos casos, pero tamén insultos e a mofa de máis dun profesor.

“Un profesor de Anatomía decide que elas non poden ver corpos de homes espidos. Así que cursan unha anatomía teórica. Seguen adiante a pesares das dificultades e non só iso, conseguen ser as mellores”, conta Juan Lema, o presidente da Academia Galega de Ciencias. Unha institución que designou a Jimena Fernández de la Vega, como “Científica do ano 2021” para distinguir a súa brillante traxectoria.

Dificultades que sortearon con nota. As dúas eran alumnas sobresaíntes pero só unha podía conseguir o premio extraordinario da carreira. Foi para Jimena, que pouco despois marcha a Madrid para doutorarse.

Máis tarde conseguiría becas de investigación para seguir estudando en centros de Alemaña, Italia e Austria.

Carreira investigadora dunha pioneira

Anticipou un século o que hoxe é habitual entre os novos investigadores. Remata os estudos e despois realiza estadías de investigación noutros centros”, relata Ángel Carracedo, un dos maiores especialistas en medicina xenómica que traballa no CIMUS da Universidade de Santiago.

Ela pensaba que a xenética tiña que estar na orixe das enfermidades, cando eran moi pouco o que se sabía na súa época

Carracedo destaca o espírito pioneiro de Jimena Fernández de la Vega porque di, se chegara a coñecer o boom da medicina xenómica, “ía quedar abraiada porque ela pensaba que a xenética tiña que estar na orixe das enfermidades, cando eran moi pouco o que se sabía na súa época”.

En 1933 dirixe a primeira sección de Xenética na facultade de Medicina de Madrid, apoiada por Gregorio Marañón e o profesor Roberto Nóvoa Santos.

Primeira directora de balnearios en España

Durante a guerra civil volve a Santiago e asume o coidado dos seus tres sobriños trala morte prematura de súa irmá.

Trala guerra, decepcionada pola orientación da sección de Xenética, decide apostar pola hidroloxía e gaña oposicións a médico hidrólogo.

Converterase na primeira muller directora de balnearios en España. Empezará dirixindo o de Guitiriz, onde relevará a seu pai, pero tamén ocupará despois a dirección dos de Montemayor (Salamanca), Baños de Montemayor (Cáceres), Cestona (Guipúzcoa) e Lanjarón (Granada).

Con 62 anos volve á universidade tras aprobar un concurso oposición en 1957 para recuperar o seu posto de directora da sección de Xenética da facultade de Medicina que ela mesma creara un cuarto de século antes.

Morre en Santiago aos 88 anos, hai 37 anos, un 20 de maio de 1984, despois dunha vida intensa, chea de logros.