Aprender técnicas de reanimación para axudar a salvar vidas en tanto non chegan os sanitarios
- A maioría das paradas cardiorrespiratorias prodúcense fóra do ámbito sanitario, na casa ou na rúa
- Cada minuto que pasa sen manobras de soporte vital básico as probabilidades de supervivencia redúcense un 10%
Entrelazar os brazos e con todo o peso do corpo facer compresións no centro do peito da persoa que se atopa en parada cardiorrespiratoria porque acaba de sofrir un infarto. A enfermeira do 061 recoméndanos facelo ao ritmo da Macarena ou dos Bee Gees “para non perder o ritmo dos cen latidos por minuto cando estamos nunha situación de estrés na que tendemos a acelerarnos”.
Paradas cardiorrespiratorias
En Galicia prodúcense cada ano 23,5 paradas cardiorrespiratorias por cada cen mil habitantes e 15 delas, a gran maioría, ocorren fóra do ámbito sanitario, na casa ou na rúa.
“O 72% dos casos son presenciados por unha testemuña non sanitaria, polo que é imprescindible que saiba facer reanimación e usar un desfibrilador“
“O 72% dos casos son presenciados por unha testemuña non sanitaria. Por iso, dadas as características demográficas e orográficas de Galicia, a formación en técnicas de soporte vital básico e no uso de desfibriladores é imprescindible”, conclúe Adriana Regueira, Directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061.
Por iso, se organizou un taller ao aire libre na praza do Obradoiro, en Santiago, con motivo do Día Mundial da Medicina de Urxencias.
O obxectivo: concienciar os cidadáns na importancia de aprender técnicas de reanimación para contribuír a salvar vidas, en tanto non chegan os sanitarios. Nel participaron autoridades, deportistas, científicos e persoeiros da cultura. “Esto pode pasar en calquera lugar, nun avión, nun campo de fútbol e é moi bo saber que podes prestar unha asistencia”, asegura o exfutbolista Donato. Ao seu carón, a actriz Isabel Blanco corrobora que “é incrible que só coas nosas mans, cun xesto simple, mecánico ademáis, poidas devolver a vida á xente. Entón é fundamental que iso o saibamos facer calquera de nós, aínda que non sexamos médicos.”
2.100 desfibriladores
Cada minuto que pasa sen manobras de soporte vital básico as probabilidades de supervivencia redúcense un 10%. “Aos dez minutos habería poucas posiblidades de supervivencia e ademáis é importante tamén iniciar as manobras para que as secuelas neurolóxicas sexan mínimas”, puntualiza Carlos Prados, enfermeiro do 061. En Galicia hai 2.100 desfibriladores semiautomáticos externos para poder afrontar intervencións deste tipo fóra do ámbito sanitario. Están en toda a rede de albergues públicos, pero tamén en empresas, centros comerciais... unha cifra que se incrementou nun 26% só no ano pasado. Sanidade está a desenvolver un dron capaz de levar un desfibrilador a lugares de difícil acceso.