Enlaces accesibilidad

Saen ao mar os primeiros barcos coa tripulaciónn vacinada

  • O sector reclamaba a inmunización polo especial risco de contaxio ao traballar e convivir en espazos moi reducidos
  • Pídelle á Administración que tamén vacine os tripulantes estranxeiros

Por
Mariñeiros vacinados

Galicia, con 20.000 persoas inscrita no réxime especial do mar, é a comunidade española con máis mariñeiros. Estes días moitos barcos inician marea con toda a súa tripulación vacinada.

Estamos quince homes toda a semana xuntos dentro do barco nun sitio moi reducido

“Estamos quince homes toda a semana xuntos dentro do barco nun sitio moi reducido. É un risco moi grande. No barco xa tivemos todos o coronavirus. Isto chega un pouco tarde, porque todos os compañeiros do Pais Vasco e Asturias levan tempo vacinados”. Son palabras de Antonio Costa, un dos tripulantes do “Sempre Galaico”, un barco de cerco que traballa esta semana no Cantábrico, na campaña do bocarte.

Coma eles ducia de mariñeiros reciben cita estes días para se vacinaren nos seus hospitais de referencia coa monodose de Janssen.

Máis tranquilos coa vacina, ante unha marea de catro meses

Luis Franco é outro dos mariñeiros citados no Hospital Montecelo de Pontevedra antes de viaxar a Costa de Marfil para embarcar nun atuneiro. “Botei un mes na casa e agora marcho catro meses. Coa vacina imos máis tranquilos”, afirma.

Aquí atópaste mal e vas ao hospital, pero en alta mar estás a catro días dun centro hospitalario e igual non chegas

Dos tres mil galegos que traballan en mercantes ou barcos de altura e gran altura moitos saben o que é convivir coa covid a bordo. É o caso do “Argos Pereira”, que regresou hai pouco das Malvinas. Estivo aillado varios días en Montevideo tras un gromo de covid que afectou a parte dos seus 52 tripulantes. “Aquí atópaste mal e vas ao hospital, pero en alta mar estás a catro días dun centro hospitalario e igual non chegas. É unha tensión enorme para os oficiais que están a cargo, porque non saben unha tos que pode desencadear”, di Cristian Monroy, responsable de persoal da Armadora Pereira.

Outro reto: vacinar a todos os tripulantes estranxeiros

De nada nos serve vacinar a uns se os outros non o están

Dende esta armadora piden tamén á Administración facilidades para vacinar os mariñeiros doutros países que non figuran na base de datos do Sergas. “A ver se nos dan unha solución. De nada nos serve vacinar a uns se os outros non o están”, destaca Cristian Monroy

“Preocúpame moito a saúde dos mariñeiros”, indica o capitán do Argos Vigo, outro buque da mesma armadora.

Neste sentido, os responsables da Cooperativa de armadores de Vigo amósanse optimistas. “Do mesmo xeito que o goberno de Namibia, das illas Malvinas ou de Seychelles están vacinando a tripulantes sen distinción de bandeira, aquí pódese facer perfectamente”, destaca Edelmiro Ulloa, Xerente da Cooperativa.