Alivio entre cidadáns e hostaleiros polo fin da maioría das restricións pola Covid-19 este sábado
- Permítense as xuntanzas sen límite, salvo na hostalaría, e os bares poderán pechar á unha da madrugada
Galicia avanza na desescalada. O anuncio de que a maioría das restricións impostas para loitar contra a pandemia desaparecerán a partir do sábado, deixa unha sensación xeneralizada de alivio.
Xa non haberá límites para as reunións sociais, nin en domicilios nin en espazos públicos, sempre e cando se respecte o uso da máscara e a distancia social.
“Non o vou notar moito, porque seguirei como ata agora, limitándome á miña xente“
“Xa era hora”, celebra unha moza nunha terraza de Santiago. “Que alivio, chega o verán e apetece saír máis, así que se agradece”, engade outra. Nunha mesa próxima, outro mozo recoñece que “non o vou notar moito, porque seguirei como ata agora, limitándome á miña xente”, mentres un señor chama á prudencia: “paréceme ben, pero hai que andar con coidado”
Seis no interior, quince na terraza
Na hostalaría mantense o máximo de seis persoas por mesa en interiores e amplíase a quince na terraza. Tamén se amplía o horario dos bares, ata a unha da madrugada, pero deberán instalar un medidor de CO2 e conservar os límites de cabida.
“Paréceme ben poder ampliar horario, que estamos en verán e necesitamos un pouco de marxe de manobra. Agora falta que lle dean un puntiño máis á capacidade”, pide Carlos Rodríguez desde o bar Tokio, na Porta Faxeira, principal zona de terraceo de Santiago.
“Quere dicir que a cousa vai avanzando e que vemos o final cada vez un pouquiño máis cerca“
“Grupos de quince sí, pero se temos o aforo ao 75 por cento..., aos que teñan grandes terrazas favoréceos, a min non”, redunda desde outro local próximo Isolina Rois. Alberto Moure, do restaurante Marte, confesa estar esperanzado porque “todo o que sexan novas medidas de alivio sempre son moi ben recibidas porque quere dicir que a cousa vai avanzando e que vemos o final cada vez un pouquiño máis cerca”.
Lecer nocturno, en xullo
Prevese que pubs e discotecas reabran a partir do 1 de xullo, para o que se farán probas piloto esta fin de semana en cinco locais.
Coas vacacións escolares á volta da esquina, incrementase ata un 70 por cento a capacidade máxima nas actividades de tempo libre para nenos e mozos, así como nos campamentos de verán e albergues xuvenís.
Volven os peregrinos
E pese a que falta pouco máis dun mes para o 25 de xullo, en Ano Santo, e co Camiño enchéndose de novo de peregrinos, mantense de momento a cabida dos albergues limitada ao 30 por cento. Poderase superar, iso si, se acollen a grupos burbulla.
Coma o duns vinte peregrinos portugueses procedentes de Viseu que chegaban hoxe a Santiago. “Tivemos que adaptarnos, quedamos en albergues privados e estábamos só nós. Foi un pouco máis caro e máis complexo de organizar, pero pagou a pena”, aseguran entre canción e canción coas que festexan o fin da ruta.
O balbordo de peregrinos e turistas no casco histórico de Santiago..., o mellor síntoma de que Galicia camiña cara o final da pandemia.