'Xuntos, Saborea Galicia': cinco firmas unidas para promocionarse no exterior
- Son empresas galegas de queixos, viños, conservas e carne
- Mostrarán conxuntamente os seus produtos nos certames gastronómicos
Unir forzas para conseguir unha maior presenza nos mercados internacionais. Con ese obxectivo nace ‘Xuntos, Saborea Galicia’. Baixo ese novo selo, cinco firmas galegas de queixos, viños, conservas e carne vanse promocionar conxuntamente nos principais certames e eventos gastronómicos.
Son produtos artesanais, de proximidade, que están sorprendendo nos mercados internacionais. Todos coa marca de Galicia. Agora queren ir da man e medrar xuntos para acadaren máis visibilidade.
Entre todos, máis fácil
Ana Vázquez, administradora de Airas Moniz, salienta que “pode resultar máis fácil chegar a eses mercados entre todos”. O que teñen en común as cinco compañías, asegura, é que buscan sabores do pasado, e “tentan recuperar eses sabores, e que os nosos produtos creen emocións nas persoas que os proben”.
“Hai 20 anos era imposible pensar en vender unha costeleta de tenreira galega en Francia“
Xosé Portas, director da empresa Discarlux-Galicia, apunta que os produtos galegos xa teñen prestixio gañado no exterior: “Hai 20 anos era imposible pensar en vender unha costeleta de tenreira galega en Francia, por exemplo, que son tan chauvinistas e teñen tantas razas e tanto vacún. Pero hoxe xa está instalada e estendida, tanto Francia como Italia. Somos uns gurús da carne para eles”.
Produtos diferenciados
De momento, cinco firmas de conservas, queixo, carne e viños das Rias Baixas e a Ribeira Sacra uníronse a esta iniciativa para dar pulo ao repertorio gastronómico galego. Pero queren seguir sumando e incorporar produtos diferenciados.
“Non temos nada de peixe -indica Xosé Portas-. Gustarianos encontrar algunha empresa dedicada de forma especial ao peixe ou a algún derivado do peixe”.
Vicente del Bosque e o cociñeiro Pepe Vieira apadriñan o proxecto, que dará os seus primeiros pasos nas feiras Gourmet de Madrid e Gastronomika en San Sebastián.
Na presentación, no Pazo de Rubiáns de Vilagarcía, a nota de humor correu a cargo do actor Sergio Pazos e o exxogador de baloncesto Fernando Romay.