Enlaces accesibilidad
Coronavirus

O gromo polas viaxes de fin de curso a Mallorca xa supera a centena de contaxios en Galicia

  • Xa son 102 os positivos rexistrados en Galicia en relación coas viaxes estudantís as Baleares
  • Os 90 mozos e mozas que continúan alí volverán nas próxima horas e faranlle unha proba PCR no aeroporto

Por
90 estudantes galegos regresan mañá de Mallorca

En Mallorca quedan 90 mozos e mozas galegos a espera de volver mañá, tras detectarse alí un gromo relacionado con viaxes de fin de curso.

Aínda que hai casos en varios puntos de Galicia, a busca de novos contaxios asociados a este gromo segue centrada na cidade de Pontevedra.

Concentran nun hotel aos afectados

A maioría son estudantes de segundo de Bacharelato que foran ata as Baleares en viaxes organizadas de xeito privado, para celebrar o inicio das vacacións.

Nuria, María e Marta, que foron ata o Mediterráneo dende Vimianzo, indican que non estiveron no festival no que xurdiu o gromo: “Nos non temos a culpa, pero aféctanos a todos”. “Hoy era para cambiarnos de hotel –engaden–, pero no saben tampoco mucho qué hacer con nosotros”.

As autoridades sanitarias baleares detectaron un total de 265 mozos e mozas procedentes doutras comunidades autónomas, entre elas Galicia.

Pedíamos que nos la hicieran en el hotel en el que ya estábamos, porque, en nuestra opinión, venir aquí es un foco de contagio

Os aloxados en establecementos onde houbo casos positivos están sendo trasladados a un hotel onde lles fan as probas e terán que pasar a corentena. Algúns móstranse desconformes coa medida: "Pedíamos que nos la hicieran en el hotel en el que ya estábamos, porque, en nuestra opinión, venir aquí es un foco de contagio".

Probas ao regreso

Aos noventa galegos que se agarda que regresen faranlles tamén probas á chegada, como indica o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña: "Chegan fundamentalmente mañá e xa está preparado ese cribado nada máis cheguen ao aeroporto”

Na Consellería de Baleares lembran que aqueles aos que lles fagan alí probas, logo de estaren en contacto con positivos, terán que pasar corentena, aínda que dean negativo.

Amplíanse os cribados en Pontevedra

Citados 688 mozos máis de Poio e Pontevedra

Clara García, alumna de segundo de bacharelato de 18 anos, rompía hoxe por uns minutos o seu illamento domiciliario para facer unha segunda PCR: “Supoño que será negativa outra vez, pero é mellor volver a facela para estar ben seguros”.

Coma ela, 123 alumnos están hoxe convocados no Hospital de Pontevedra a un novo cribado para detectar posibles casos vencellados ao macrogromo orixinado en Mallorca. Ata o mércores están citados case 700 mozos de Poio e Pontevedra. Algúns pais que os acompañan agardan que os vacinen canto antes.

Piden vacinas para os novos

Nuria Rodríguez, nai dunha alumna, sinala que “os mozos son os que agora mesmo corren risco, porque interactúan fóra de casa, é normal que salgan un pouco no verán. Deberían estar vacinando esa franxa de idade”.

Os sanitarios piden aos mozos que colaboren e acudan aos cribados. Algún día faltaron á cita case á metade dos convocados.

En toda Galicia máis de 600 persoas seguen en corentena, a maioría en Pontevedra.

Mentres, seguen a suspenderse os actos de graduación. A cea do instituto Torrente Ballester, prevista para mañá, quedou aprazada ata que mellore a situación.