Tráfico agarda 8,6 millóns de desprazamentos nas estradas galegas durante este verán
- A operación saída comeza o venres, cunha atención especial á velocidade e o alcol, principais causas dos accidentes
- As autoridades aseguran que os datos de sinistralidade deste ano son preocupantes
A operación de verán de Tráfico divídese en catro específicas. A primeira comeza este venres.
Estímase que entre xullo e agosto en Galicia o número de desprazamentos por estrada vai ser de 8,6 millóns. 600 axentes van controlar as estradas, 270 radares, un helicóptero, 330 cámaras e a novidade e un dron con capacidade para sancionar.
Un dron contralará as infraccións
Victoria Gómez Dobarro, coordinadora da DGT en Galicia, subliña a eficacia deste aparello: “Puede detectar infracciones como el no uso del cinturón, distraciones, adelantamientos indebidos, traspasar la línea continua, no respetar ese uno cincuenta que es un salvavidas para el ciclista”.
Vanse facer 120.000 controis de alcol e drogas e 680.000 de velocidade. Aí están as dúas causas da meirande parte dos accidentes.
Este ano as estatísticas están a ser preocupantes. Levamos 41 mortos en 27 sinistros. Unha volta a cifras do 2019 logo dun ano pasado máis tranquilo, polo confinamento.
Efervescencia perigosa tras as restricións
Dende Tráfico e a Delegación do Goberno fan un chamamento á mobilidade responsable.
“Acabaron as limitacións de mobilidade, quitamos a máscara no exterior, chega o verán... Ademais é ano xacobeo, e todo isto leva a unha efervescencia que é perigosa”, apunta José Manuel Miñones, delegado do Goberno. “Non o podemos permitir e non o imos permitir –engade–, por iso chamo á prudencia e á responsabilidade, e ao mesmo tempo, unha advertencia: tolerancia cero co infractor”.
Recomendacións: velocidade axeitada, non beber alcol e conducir e prestar atención cando se vai ó volante.