Libros de balde en Ourense para fomentar a lectura e axudar o comercio local
- O Concello agasalla os escolares cun libro, unha campaña que repite por segundo ano
- Quere recoñecer o esforzo que fixeron ante as restricións da pandemia e tamén axudar as librarías
O Concello de Ourense agasalla 20 euros en libros aos escolares como premio de fin de curso. O principal obxectivo desta campaña é fomentar a lectura. E conségueo, a xulgar polos comentarios na libraría.
“Aos adolescentes, polo menos a min e as miñas amigas, nos gusta moitísimo ler, sobre todo fantasía e romance. Eu creo que unha moi boa iniciativa para ler”, indica unha rapaza que vén comprar o seu libro.
Apoio ao comercio local
Este ano participan 38 librarías, tres máis que o curso pasado. Esta tenda, en menos dunha semana, xa vendeu setecentos libros asociados aos bonos do Concello. Outro dos obxectivos da campaña é axudar ao comercio local nestes tempos de pandemia.
“Invita a un abano importante de público que ata agora non entraba no establecemento“
Celia Fernández, responsable da libraría Nobel, confirma que o reclamo funciona: “Invita a moita xente que decotío non acode á libraría. É un abano importante de público que ata agora non entraba ao establecemento”.
Os requisitos da campaña son estar empadroado en Ourense e usar unha aplicación para solicitar os libros.
Premio de fin de curso
A idea de premiar aos escolares cun libro como recoñecemento ao seu esforzo durante o curso é do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
“Este año fue un año duro, al igual que el año pasado –indica Pérez Jácome-. El año pasado fue el del confinamiento y este el de tener las ventanas abiertas, y es una forma también de recompensar el fin del curso escolar”.
A intención do rexedor converter esta campaña nunha tradición. Na anterior, o concello regalou case 8.500 libros, unha cifra que agarda superar este ano.