A viaxe que acabou mal: regresan os estudantes confinados en Mallorca
- Os 21 mozos galegos que permanecían en corentena nun hotel en Palma saíron da illa nun ferri
- Unha resolución xudicial anulou o confinamento dos que non deron positivo nas probas
Os 21 estudantes galegos confinados en Mallorca saían esta mañá do hotel covid. Partían ás dez nun transbordador rumbo a Valencia, a onde está previsto que cheguen ás cinco da tarde.
O plan é que alí lles fagan unha PCR. Os negativos viaxarán en autobús a Galicia e, se hai positivos, farano en ambulancia.
Falamos coa nai dunha rapaza de Vimianzo. En concreto os nove desta localidade da Costa da Morte chegarán á casa de madrugada.
“A duración da viaxe será de máis ou menos doce horas desde Valencia a Vimianzo –indica María Isabel Pose–. Estamos en contacto coa Consellería de Sanidade que nos vai dicindo todo sobre a viaxe, se os nenos están ben, a comida que lles dan... Cando cheguen a Vimianzo non sabemos onde se fará a corentena”.
Desconfinados por orde xudicial
O desconfinamento produciuse porque unha xuíza sentenciou que a 118 mozos e mozas se lles limitou un dereito fundamental. Son negativos en covid. Alegou que non queda acreditado que foran contactos estreitos de positivos e tampouco que participaran en actividades de risco.
“Ser prudente, corentenar..., estamos vendo positividade de casos que deron primeiro negativo e ás 48 ou 72 horas se positivizan“
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, manifestouse de acordo coa actuación das autoridades das illas: “Nós faríamos exactamente o mesmo que fixo a Consellería de Saúde de Baleares. Ser prudente, corentenar..., estamos vendo positividade de casos que deron primeiro negativo e ás 48 ou 72 horas se positivizan, e ante esa experiencia, o más prudente é que queden e non se expoñan eles ni ao resto de pasaxeiros de calquera medio de transporte que os poida sacar de Baleares”.
O que parece agora é que os estudantes galegos van ter que illarse, e xa non na illa, senón ao chegaren a casa. As familias están á espera de información.