Enlaces accesibilidad

Máis do 70 por cento das axudas do terceiro plan de rescate para empresas e autónomos galegos seguen sen adxudicar

  • A Xunta amplía o prazo ata setembro e rebaixa os requisitos para solicitalas, que agora apenas superan os 4.000
  • Pídelle ao Goberno que modifique as condicións para poder acollerse ás axudas

Por
Só 4.200 autónomos ou empresas optan ao terceiro plan de rescate

A Xunta prorroga ata o remate de setembro o prazo para que autónomos e pequenas empresas poidan acollerse ao terceiro plan de rescate para facerlle fronte ás perdas causadas pola pandemia, sufragado, neste caso, con fondos do Goberno central.

Co prazo de solicitude a piques de rematar, só recibiu 4.200 solicitudes co que quedarían sen adxudicar 170 dos 234 millóns que lle corresponderían a Galicia.

Só para pagar débedas

A condición de que a axuda teña que destinarse ao pago de débedas pendentes é un dos motivos desa baixa demanda, como indica a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana: "moitos autónomos e empresarios fixeron grandes esforzos durante a época da pandemia para estar ao día nas súas obrigas e nas súas débedas; polo tanto non teñen agora débeda pendente para xustificar e percibir a axuda".

Por iso, na nova orde que vai publicar a Consellería establece que a caída do 30 na facturación sexa dabondo para demandar a axuda, eliminando criterios que topaban a contía máxima e dificultaban o acceso. O número de solicitudes pasou das 40.000 dos anteriores plans de rescate, ás pouco máis de 4.000 deste.

Simplifícanse os requisitos

"Galicia -engade a conselleira- cre que é suficiente que a empresa ou o autónomo xustifique a súa afección durante a pandemia coa caída da facturación, do mesmo xeito que fixemos no plan primeiro e no plan segundo que financiamos con fondos autonómicos".

A Conselleira envioulles cartas ás ministras de Economía e Facenda, tratando de que muden as condicións para acceder a estas axudas.