A covid volve entrar nas residencias
- Dez positivos entre un centro de maiores de Pontevedra e outro de Betanzos
- De momento mantéñense as visitas, á espera da evolución dos gromos
As residencias de maiores volven aos titulares. Na de Campolongo, en Pontevedra, detectáronse nas últimas horas cinco casos de coronavirus entre os usuarios, casos que se suman aos tamén cinco rexistrados noutro centro de maiores de Betanzos.
Hospitalizada por precaución
Unha das contaxiadas en Campolongo tiña unhas décimas de febre e foi hospitaliza por precaución. Os outros catro residentes permanece illados na área covid do centro, onde, de momento, mantense o réxime de visitas e saídas, á espera dos resultado do cribado que se realiza entre o persoal, os usuarios e os seus contactos estreitos.
“Contamos con que as medidas sexan temporais e proporcionais á situación da transmisión na residencia“
Constantino Piñeiro, director do centro, indica que se tomarán medidas en función da evolución do gromo: “A partir de aí decidiremos o oportuno entre as restricións ou a modulación das visitas. Contamos con que, no caso de ter que tomar esas medidas sexan temporais e proporcionais á situación da transmisión na residencia”.
Os usuarios confían na vacina
Entre os usuarios, como José, que acaba de chegar á residencia, de momento, tranquilidade. Di que confía na protección da vacina: “con control, quero saír un momento, dar un paseo, ir ao supermercado e xa está”.
Mentres, a vacinación continúa, con 4.500 convocados hoxe na área sanitaria Pontevedra-Salnés. Aquí a tendencia da pandemia segue a preocupar, hoxe con 141 novos contaxios e superando xa os mil casos activos, case o dobre que hai unha semana.
“Déronnos un pouco de manga ancha e creo que o estamos tomando un pouco á lixeira“
Agardando a súa quenda para recibir a vacina, un mozo recoñece que se relaxaron as precaucións: “déronnos un pouco de manga ancha e creo que o estamos tomando un pouco á lixeira. Os datos están aí para comprobalo”.
Unha muller, perocupada: “tengo amigos que están en campamento, los tienen en burbuja y han dado positivo. Es un lío”.