Enlaces accesibilidad
Coronavirus

Galicia dá un paso atrás na desescalada ante a explosión de contaxios na xente nova

  • Limita as reunións a un máximo de dez persoas nas terrazas e recoméndao tamén nas casas e rúas
  • Estende a todos os locais de lecer nocturno a obrigatoriedade de PCR negativa ou certificado de vacinación

Por
Límite dos grupos nas terrazas a un máximo de dez persoas

As reunións nas terrazas redúcense de quince a dez persoas desde o próximo sábado e no interior da hostalaría mantense o límite de seis.

No ámbito privado tamén se recomenda non superar estas cifras e podería facerse obrigatorio se non se controlan os contaxios.

Se isto se segue mantendo, podería pasar a ser obrigatorio en todos os ámbitos, como xa foi

"É un paso atrás e hai que poñer en valor que damos un paso atrás, limitando os grupos de dez e seis en interior e exterior respectivamente. Sen descartar que se isto se segue mantendo, podería pasar a ser obrigatorio en todos os ámbitos, como xa foi. E entón serían dous pasos atrás", lamenta o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Ampliación do control en pubs e discotecas

Ademais, a partir do martes esixirase PCR negativa ou certificado de vacinación para acceder a locais de lecer nocturno en todos os concellos nos que está permitida a súa apertura.

Medidas que tratan de acoutar o que para Sanidade son o principal foco dos contaxios: "as concentracións de xente nova en ámbitos nocturnos fóra da hostalaría".

Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública, ponlle cifras: "A incidencia acumulada a 14 días na poboación entre 20 e 29 anos é de 782 casos por cen mil habitantes e baixa a 31 na franxa entre 70 e 79 anos. É máis que obvio que os casos se concentran no grupo de poboación de menor idade", asegura

Ourense e outros seis concellos, en nivel alto

Hai sete concellos en nivel alto, entre eles a cidade de Ourense, e outros quince en nivel medio, no que se atopan Vigo e Pontevedra.

O comité clínico acordou un novo modelo para establecer os niveis de restricións, que terá en conta, sobre todo, a presión hospitalaria, de momento baixa pese ao aumento da incidencia.

Cando un se contaxia en xullo de 2021 e non está vacinado ten o mesmo risco de complicacións que en xaneiro de 2021

"É certo que o risco de ingreso en hospitais da xente que se está contaxiando é menor", admite Pedro Rascado, médico da UCI no hospital de Santiago e membro do comité clínico, "pero cando un se contaxia en xullo de 2021 e non está vacinado ten o mesmo risco de complicacións que en xaneiro de 2021. A probabilidade de ter unha complicación grave, acabar na UCI ou ter algo tan importante como a covid crónica segue sendo a mesma e iso afecta a calquera idade".

Sanidade prevé que a vacinación dos menores de trinta anos comece o 9 de agosto.