RTVE celebra os seus 50 anos en Galicia con catro días de programación especial
- Os informativos saen a escenarios exteriores, cun especial dunha hora desde o Obradoiro
- O luns entrevistamos ao presidente da Xunta e visitounos o presidente de Rtve
Tve en Galicia cumpre 50 anos, medio século dende que abriu a súa primeira sede, no casco histórico de Santiago. Celebrámolo este luns desde o actual centro territorial, en San Marcos, preto de Compostela, ao pé da ruta xacobea. Nos próximos días estaremos en directo desde a Cidade da Cultura, a Alameda de Santiago e a praza do Obradoiro, o xoves, cun programa especial dunha hora.
Tve en Galicia comezou no ano santo de 1971 e conmemoramos o noso medio século noutro ano xacobeo.
A primeira sede foi nun piso da rúa do Vilar, preto da catedral. en Santiago, o 25 de xullo de 1971.
O ministro de Información e Turismo, Alfredo Sánchez Bella, era o alto representante do goberno de Franco para a inauguración. Aquel 25 de xullo congregou na catedral compostelá a todo o executivo, que presentou a ofrenda ao Apóstolo e logo comezaba as súas vacacións no pazo de Meirás.
Do centro histórico ao pé do Camiño
O centro territorial actual está situado en San Marcos, á beira do Camiño de Santiago francés. Por diante das nosas instalacións pasan os peregrinos que queren chegar á catedral, que está a uns sete quilómetros. Así que somos testemuña do rexurdir da ruta xacobeo.
Hai 50 anos, en 1971, só conseguiron a Compostela 451 peregrinos. O seu número foi medrando ata acadar os case 350.000 en 2019, converténdose nunha das peregrinacións máis importantes do mundo cristián. E cun fito destacado no Xacobeo 93, considerado o primeiro Ano Santo moderno.
Entrevista co presidente da Xunta
Sobre o Xacobeo 2021-2022 falamos co presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acaba de ser reelixido presidente do Partido Popular de Galicia. Tamén da pandemia e das súas consecuencias económicas.
Este luns tamén visitou Santiago o presidente de Rtve, José Manuel Pérez Tornero. Aquí asinou o ‘Protocolo Compostela’, de colaboración coa Federación de Radios e Televisions Autonómicas, a FORTA. Busca aproveitar as sinerxias dos medios públicos para competir no ámbito dixital e mellorar o servizo aos cidadáns.
RTVE e os 12 organismos da FORTA acordan colaborar para reforzar o desenvolvemento de proxectos de produción, así como a adquisición de contidos de interese común. Tamén para facer políticas de innovación dixital, aspirando a seren referentes para o sector.