A praza da Quintana e o Cebreiro, testemuñas da volta dos peregrinos ao Camiño de Santiago
- Volven o balbordo á contorna da catedral e as colas ante a Porta Santa
- Na entrada dos peregrinos a Galicia tamén se nota o aumento da afluencia
O aniversario de Televisión Española en Galicia cadra con Ano Xacobeo. Tamén 1971 foi Ano Santo. No programa especial do aniversario, estivemos na praza da Quintana, por onde os peregrinos entran á Porta Santa, e no Cebreiro, principal entrada do Camiño en Galicia.
A 160 quilómetros a pé de Santiago, hai unha porta simbólica, a porta de entrada dos peregrinos a Galicia. O Cebreiro é a primeira localidade galega na ruta xacobea francesa, que está notando o rexurdir do Camiño neste verán.
Cifras en aumento
Loxicamente non hai a afluencia dos anos anteriores á pandemia, pero o número de peregrinos vai en aumento nas últimas semanas neste lugar que vive fundamentalmente do Camiño.
O Cebreiro está a mil trescentos metros de altitude. Os peregrinos chegan alí despois de subir unha pronunciada costa e atópanse cunha aldea de arquitectura prerromana coas singulares pallozas, algunhas delas visitables.
Aquí está tamén a igrexa de Santa María do século nove, asociada as lendas do Santo Graal, o cáliz de Cristo. O Cebreiro, ten 22 habitantes, segundo o padrón do ano pasado, e pouco máis dunha ducia de casas, a maioría dedicadas a negocios do Camiño, como sucede en moitas outras localidades desta ruta…
Para moitos este é un lugar especial, con moita historia. Un mosaico de vidas entrecruzadas como tamén o é o Camiño de Santiago.
Á sombra da catedral
En Santiago, a praza da Quintana e toda a contorna da catedral recuperan o seu balbordo habitual, o ambiente festivo previo ao día grande do Apóstolo.
Volven tamén as longas ringleiras de visitantes para atravesar a Porta Santa e acceder á catedral. Unha porta que de xeito excepcional e para evitar aglomeracións pola pandemia vai seguir aberta durante o ano 2022.
A cifra de peregrinos, aínda que lonxe dos números propios dun Ano Santo, segue á alza.
Son aproximadamente un milleiro os que nesta semana están a recoller a compostela cada día. Aínda son cifras moi por baixo das dun ano santo ou de 2019, antes da pandemia, cando a estas alturas do ano chegaran 180.000. No que vai deste fixérono catro veces menos.
Atractivo desde hai mil anos
Pero é innegable que a ruta xacobea mantén o tirón que desde hai máis de mil anos atrae peregrinos de todo o mundo a Santiago. E iso nótase na contorna da Catedral e na praza da Quintana, que no Ano Santo adquire un significado especial.
É cando abre a Porta Santa. Despois dun arranque de ano con esta praza case deserta, desde hai días volven formarse longas ringleiras. Sobre todo durante a celebración da misa do peregrino.
Cada quen trae os seus motivos e vive a emoción por chegar dun xeito distinto. E agora toca cumprir o requisito de atravesar a Porta Santa: é o cume da peregrinación.