Enlaces accesibilidad
50 anos de TVE en Galicia

Unha ollada aos inicios da televisión en Galicia

  • En 1956 comezaron as emisións en Madrid, pero non foi ata cinco anos despois cando se puideron ver de xeito regular aquí

Permitiuno a instalación dun centro emisor en Santiago, inaugurado tras unha obra de catro anos

Por
Así chegou a televisión a Galicia

No programa especial do 50 aniversario de RTVE en Galicia lembramos a data: o 1 de setembro de 1961. A televisión convertíase nunha realidade en Galicia, aínda que moi poucos foron testemuñas.

“O maior problema non era a cobertura..., o problema é que non había televisores, nin antenas", explica Santiago Rey, director xeral de Televés Corporación.

Por iso era habitual recorrer aos bares ou mesmo tentar ver a televisión dalgún veciño afortunado.

A tele do escaparate

Yago Portela, de Electrodomésticos Portela Seijo, era dos que tiñan televisión, e permitía que a visen os fillos dos veciños: “Sus padres no les dejaban venir a ver..., y yo les subía la persiana y ellos desde la casa de enfrente veían la televisón”.

A tenda do pai de Yago foi unha das primeiras en vender televisores en Santiago. Por iso tamén lembra como moitos se arremuiñaban diante do escaparate a mediodía e a última hora da tarde, ás poucas horas nas que había emisión a comezos dos 60.

“Era diario –recorda– la gente se paraba en él. El reclamo, la mayor publcidad que podías tener era tenerlo allí. Y la gente se amontoba a ver. Después sacamos un altavoz y ya podían ver y oir”.

Cinco veces un salario

Era a sensación do momento, pero moi poucos os que podían presumir de ter unha televisión na súa casa. As primeiras custaban 25.000 pesetas cando o salario medio era de 5.000 ao mes.

"Se compraban a plazos durante tres años. Una televisión era prohibitiva", indica Yago Portela.

Ademais de caras, aínda era necesario construír a rede de enlaces que tecnicamente permitira ver as emisións.

Case unha cuestión de fe era a televisión daqueles primeiros anos. Un invento no que algúns viron moito futuro. Entre eles Ricardo Bescansa, un dos fundadores de Televés. Descubriuna nunha viaxe a Portugal en 1955 e non parou ata conseguir que se vise en Galicia

Santiago Rey conta que Bescansa "empezou a facer uns deseños de antena, aquí en Santiago. El tiña un taller no que hoxe é o Hotel Compostela, na praza de Galicia”.

A presión das forzas vivas

Unhas primeiras antenas coas que conseguía dous anos despois, en 1957 ver a televisión portuguesa captada a través de Braga no seu obradoiro. Foi tal a expectativa xerada que Bescansa chegaría a presidir unha comisión de forzas vivas da cidade, entre os que estaba o cardeal Quiroga Palacios e o alcalde compostelán.

O obxectivo era desenvolver un plan para conseguir recibir o sinal de Televisión Española e redifundilo ao resto de Galicia.

Santiago Rey lembra o seu interés: "Deseñou o edificio, deseñou a torre..., e logo houbo varias discusións. Pero a xente técnica de Madrid tiña previsto facelo no Pico Sacro. El utilizou unha maqueta que había na facultade de Historia para demostrar que o mellor lugar era o Pedroso”.

A antena do Pedroso segue, 50 anos despois, facendo posible que a televisión entre nos fogares.