Viaxes de volta gratis na AP9 desde esta semana
- O desconto será do cen por cen do prezo da viaxe de volta se se realiza no mesmo día
- Haberá un 20 por cento extra de bonificación para quen faga máis de 20 viaxes ao mes
A ministra de Transportes anunciou na Coruña o que cualificou a maior rebaixa das peaxes da historia da AP9. Mañá, dixo, o Consello de Ministros aprobará as bonificacións para que comecen a aplicarse esta mesma semana.
Antes de que remate esta semana todos os turismos que faga nunha viaxe de ida e volta pola AP9 en 24 horas terán a volta gratis. A bonificación beneficiará ao 60 por cento dos sesenta mil vehículos que cada día pagan peaxe na principal autoestrada de Galicia, segundo as estimacións do goberno.
“Vamos a llegar a tiempo con Galicia, vamos a alcanzar el plazo que nos habíamos propuesto de tener las bonificaciones aprobadas para este mes de julio“
Raquel Sánchez, Ministra Transportes, asegura que o Consello de Ministros vai aprobar esta medida de aforro para os galegos: “Una demanda histórica de los gallegos y de las gallegas –dixo–, y vamos a llegar a tiempo con Galicia, vamos a alcanzar el plazo que nos habíamos propuesto de tener las bonificaciones aprobadas para este mes de julio de 2021”.
Bonificación adicional aos que máis viaxan
Se un vehículo realiza máis de 20 desprazamentos ao mes con telepeaxe terá un desconto do 20 por cento a maiores. Ademais o treito entre Vigo e Redondela será gratuíto. Estas bonificacións son froito do acordo de investidura de Pedro Sánchez co BNG
“Ata agora o que coñeciamos era un continuo incremento, ano tras ano, incremento tamén nos períodos de concesión“
Néstor Rego, deputado do Bloque no Congreso, salienta o fito: “A primeira vez en 40 anos que realmente se produce una baixada significativa das peaxes da AP9. Ata agora o que coñeciamos era un continuo incremento, ano tras ano, incremento tamén nos períodos de concesión promovidos polo Partido Popular”.
Desconto do 20 por cento para os camións
A falta de coñecer os detalles no BOE a Xunta tamén valorou esta rebaixa nas peaxes. “Ben é certo que podía ter sido antes –indica o vicepresidente Alfonso Rueda–, pero na data límite, un anuncio que estaba feito, se vai cumprir. É de saudar. É certo que á Xunta de Galicia lle houbera gustado participar la elaboración do decreto”.
Os vehículos pesados terán un desconto do 20 por cento en todos os traxectos. O goberno central destina 2.300 millóns de euros a financiar estas bonificacións ata o fin da concesión a AUDASA no ano 2048.