Enlaces accesibilidad
CORONAVIRUS

Os autotest das farmacias servirán para entrar nos bares

  • A proba de antíxenos, sen receita, deberá facerse coa supervisión do farmacéutico
  • A medida, para frear os contaxios, vai dirixida a asintomáticos de entre 13 e 35 anos sen vacinar

Por
Certificados de farmacia para entrar na hostalería

A partir de mañá, as farmacias comezarán a acreditar a validez das probas de antíxenos para acceder aos locais de hostalería dos concellos con niveis máximo ou alto de restricións.

Esta nova medida para frear os contaxios vai dirixida a persoas de entre 13 e 35 anos sen vacinar ou que non pasasen a covid e sexan asintomáticas.

Santiago Leyes, presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense, insiste niso: “A farmacia é para aqueles casos que sexan asintomáticos. Todo aquel que presente algún síntoma ten que ir ao centro de saúde ou ao nivel asistencial que corresponda”.

Entre sete e dez euros polo test

Os test custarán entre sete e dez euros. Logo de asinar o consentimento informado para acceder aos seus datos sanitarios, os propios clientes terán que realizar a proba nas boticas baixo a supervisión e asesoramento do seu persoal.

“Trátase de un procedemento de 30 ou 15 segundos no que se frega a zona mucosa e o hisopo recolle perfectamente o antíxeno. Non debería haber dificultade”, explica Santiago Leyes.

Pasados quince minutos, se o resultado é negativo a farmacia expediralle un certificado ao cliente que lle permitirá entrar no interior dos locais de hostalería durante os próximos tres días. Se é positivo comunicarallo ao Sergas e a persoa afectada terá que illarse na súa casa.

Colaboración dos colexios farmacéuticos

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou este protocolo asinado cos colexios farmacéuticos para emitir o documento acreditativo co resultado dos autotest de antíxenos realizados nas propias farmacias.

En caso negativo, servirá para presentar nos locais de hostalería nos que sexa obrigatorio e terá validez unicamente en Galicia.

García Comesaña indicou que en caso de dar positivo, a persoa xa quedará no rexistro de Sanidade e será contactada polas autoridades sanitarias para realizar unha PCR.

Se a proba se realiza na casa e resulta positivo, a Xunta habilitou un teléfono para comunicalo ao Sergas e que deste xeito poida ser citada para confirmar o diagnóstico con outra proba.

As sete cidades, en nivel alto

Aumentan a doce os concellos en nivel máximo de restricións, coa incorporación de Viveiro, Burela e Foz, na Mariña de Lugo, ademais de Monterroso, Muros e Baiona. As sete cidades estarán a partir do sábado no nivel alto, que inclúe a obriga de presentar certificado covid para acceder á hostalaría. O Comité Clínico advirte de que, pese ao avance da vacinación, a inmunidade de grupo queda máis lonxe do que se pensaba.

Aumentan a doce os concellos en nivel máximo de restricións

Os mozos de 13 a 29 anos son o grupo que concentra a maior parte dos contaxios.

O Conselleiro de Sanidade lembrou as limitacións ás reunións, apelou á responsabilidade da hostalería e ao compromiso individual dos rapaces e mozos.