Enlaces accesibilidad

Primeiros anos da Autonomía de Galicia

  • Coincidindo co 40 aniversario do Estatuto, Rtve recupera unha serie documental sobre os cambios políticos daqueles anos
  • Os sete capítulos están dispoñibles en liña na nova plataforma Rtve Play

Por
Primeiros anos de Autonomía - Episodio 1: Galicia por la Autonomía

Galicia celebra en 2021 os 40 anos do Estatuto de Autonomía, un longo e complexo proceso que comezou pouco despois celebradas as primeiras eleccións democráticas en España, en xuño de 1977.

En decembro dese ano, 150.000 persoas pedían na Coruña un Estatuto, que sería debedor do que en 1936 non chegou a entrar en vigor ao estalar a Guerra Civil.

As manifestacións volverían ser numerosas despois de que o goberno de Adolfo Suárez rebaixase a proposta inicial, limitando as posibilidades de autogoberno. Ata que Suárez recoñeceu que se cometeron erros “psicolóxicos” na tramitación e UCD aceptou igualar a proposta á de vascos e cataláns. Finalmente, o Estatuto foi votado en referendo en decembro de 1980, aínda que con moi pouca participación (o 28%).

As primeiras eleccións autonómicas celebráronse en outubro de 1981 e Gerardo Fernández Albor, de AP, é o primeiro presidente, que goberna baixo a figura alongada do seu vicepresidente Xosé Luís Barreiro. Este acabaría, en outubro de 1986, provocando unha crise do executivo para forzar a marcha de Albor. Ao non lograla, Barreiro e outros conselleiros abandonan o goberno e pactan co PSdeG- Psoe unha moción de censura, en 1987, tras a que Barreiro volverá ser vicepresidente nun novo executivo, esta vez presidido polo socialista González Laxe.

Nas seguintes eleccións, en 1989, Manuel Fraga é o candidato do PP e logra a primeira das súas catro maiorías absolutas.

Galicia pola autonomía

As primeiras eleccións democráticas (15/07/77) abren a porta á aprobación de estatutos de autonomía. Na Coruña celébrase unha manifestación histórica reivindicando o Estatuto galego e os deputados e senadores galegos reúnense para abordar a redacción do texto. En decembro repítense manifestacións multitudinarias (150.000 na Coruña).

En abril de 1978 créase, por Real Decreto, a Xunta de Galicia preautonómica, con Antonio Rosón (UCD) como presidente, quen pide á asemblea de deputados e senadores que presenten propostas de estatuto.

A asemblea designa a 16 membros, de partidos parlamentarios e extraparlamentarios, que elaboran o coñecido como “Estatuto dous 16”.

Pero o goberno de Adolfo Suárez quere recortar esa proposta. Empeza por relevar ao presidente Rosón (decidido autonomista) por Xosé Quiroga (tamén de UCD, pero máis atento ás indicacións da UCD central) e redacta unha nova proposta, só coas tres forzas parlamentarias (UCD, Psoe e Coalición Democrática).

Manifestación nocturna contra o Estatuto da UCD

O estatuto da UCD

Na nova proposta de estatuto imponse o criterio de UCD e rebáixanse as posibilidades de autogoberno, despois de lograr un pacto estatutario máis ambicioso con vascos e cataláns.

En Galicia desencadéanse as protestas, con numerosas manifestacións contra o considerado “Estatuto da aldraxe” (agravio), que tiveron gran repercusión na cidadanía e na clase política.

O pacto do Hostal

En 1980 Adolfo Suárez recoñecía que se cometeron erros “psicolóxicos” na tramitación do estatuto galego. Os partidos de esquerdas e os sindicatos piden a reforma do texto e medio centenar de intelectuais crean Realidade Galega, unha plataforma apartidista que critica duramente a proposta de UCD. Ata Fraga se posicionou en contra.

Finalmente, UCD rectifica e ábrese a que o texto non sexa inferior ao de vascos e cataláns. En setembro de 1980 todos os partidos volven reunirse no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, e acordan un novo texto, aprobado logo pola mesma comisión constitucional que un ano antes rexeitara a primeira proposta de estatuto.

Na campaña do referendo polo estatuto todos os partidos pedían o voto afirmativo, excepto o BNPG e o PSG. A chamada para votar tivo pouco eco, porque o 21 de decembro de 1980 só acudiu o 28 % do censo.

Os xornais titulaban ao día seguinte: “A autonomía galega nace con indiferenza”.En marzo de 1981 o texto é referendado nas Cortes e entra en vigor ao mes seguinte.

Traslado dos restos de Castelao

A autonomía bota a andar

En outubro de 1981 celébranse as primeiras eleccións autonómicas e Gerardo Fernández Albor, de AP, é o primeiro presidente, co apoio de UCD e catro deputados galeguistas do Psoe.

Os resultados sorprenderon a todos, porque se prevía mellor resultado para o candidato de UCD, Xosé Quiroga, ata entón presidente da Xunta preautonómica. Tan seguro estaba do seu vitoria que chegou a afirmar que pensar na derrota era igual a supoñer que cambiaría “o curso do Amazonas”.

AP obtivo 26 deputados, 24 UCD, 16 o Psoe, 3 o BNPG-PSG, 1 Esquerda Galega e 1 PCG.

Mariano Rajoy foi designado vicesecretario da Cámara, instalada provisionalmente en dependencias do Arcebispado, o Pazo de Xelmírez, anexo á catedral.

Figura clave no goberno é o vicepresidente Xosé Luís Barreiro, tamén secretario xeral da AP galega.

Nesta primeira lexislatura ábrese na Coruña un debate sobre a capitalidade, que ía recaer en Santiago. Á fronte do movemento reivindicativo coruñés ponse o secretario xeral do socialismo galego Francisco Vázquez, xunto a outros deputados de AP, UCD e do Psoe.

Motivado por este conflito, Vázquez abandona a secretaria xeral dos socialistas galegos e inicia a súa longa carreira como alcalde da Coruña.

Os tres deputados do BNPG non acatan a Constitución e quedan excluídos do Parlamento.

A maioría absoluta do Psoe en 1982 provoca movementos no mapa político galego: 12 deputados de UCD pasan a apoiar o goberno de AP e tres deles a ser conselleiros.

Nas municipais de maio de 1983 preséntase un partido, Coalición Galega, que adquiriría un gran protagonismo nos próximos anos.

En 1984 a Xunta traslada os restos de Castelao, desde Arxentina, ao Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago, que o nacionalismo interpreta como unha instrumentalización da figura do ilustre rianxeiro por parte da dereita. A policía carga contra os manifestantes.

Xosé Luís Barreiro Rivas

A Xunta entra en crise

Nas eleccións de 1985 AP incrementa o número de deputados, 34, pero fáltanlle catro para a maioría absoluta. CG (11 deputados) abstense e permite que Gerardo Fernández Albor (AP) repita como presidente da Xunta.

En outubro de 1986 o vicepresidente Xosé Luís Barreiro provoca unha crise do executivo para forzar a marcha de Fernández Albor. Non o logra e Albor designa vicepresidente a Mariano Rajoy.

Fernando González Laxe

O triunfo da moción de censura

Xosé Luís Barreiro e outros cinco deputados que abandonaran AP ingresan en CG e pactan co PSdeG- Psoe unha moción de censura, en 1987. Barreiro volve ser vicepresidente nun novo executivo, esta vez presidido polo socialista González Laxe.

Entendida como unha represalia, o seu antigo partido denuncia a Barreiro pola súa actuación na concesión dunha lotería, que lle acabaría custando o final da súa carreira política.

Esta lexislatura ábrese co accidente do buque Casón, en Fisterra, á que seguen a reconversión naval da ría de Ferrol e as crises dos sectores lácteo e pesqueiro.

A chegada de Fraga

Os incendios do verán de 1989 (cen mil hectáreas queimadas) foron un dos puntos fortes da campaña das autonómicas de decembro, nas que o PP presentaba a Manuel Fraga como candidato. Consegue a primeira das súas catro maiorías absolutas, instaura un goberno personalista e inicia o despregamento dunha ampla axenda política exterior, tamén co mundo da emigración. O seu encontro con Fidel Castro na Habana, en 1992, foi un acontecemento de impacto.

En 1993 celébrase o primeiro Xacobeo, que situou ao camiño de Santiago como un roteiro espiritual e turístico de éxito mundial.