Enlaces accesibilidad
Educación

O curso universitario volve coas clases presenciais

  • Unha boa parte das facultades recuperan os alumnos na aulas, agora que a mellora na evolución da pandemia o permite
  • O curso comeza hoxe nas tres universidades galegas, nas que os alumnos de primeiro son os que máis agradecen a volta

Por
Volta ás clases presenciais nas universidades

Uns 60.000 alumnos galegos,  sumando os de grao, máster e doutorados, volven hoxe ás aulas. Deles, ao pé de 12.000 empezan primeiro de carreira.

O feito de poderen ter clases presenciais, agora que eles e os profesores están vacinados, fainos comezar o curso con máis azos. Os estudantes recoñecen que non é o mesmo seguir as clases en liña que estar cos compañeiros nas aulas. Xa tiñan gañas de empezar.

Recuperar a normalidade

“Nós buscamos esta presencialidade”, explica o decano da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago, Xoán Ramón Doldán, “sobre todo porque había un interese bastante grande tanto por parte do profesorado como do alumnado, de ir recuperando o máis rapidamente posible a normalidade”.

Volver ás clases presenciais non é a única mellora respecto aos dous cursos anteriores, en plena pandemia. Tamén poden acceder máis comodamente ás instalacións.

“Agora podemos sentarnos na aula”, indica unha alumna, “sen ter que reservar un posto on line".

A metade da carreira sen ir ás aulas

Os que máis agradecen poder volver ás aulas son os que levan xa dous anos case sen poder entrar nelas, estudando na casas, diante dun ordenador, como nos comenta algúns alumnos de terceiro de Económicas: "Te levantabas, te ponías delante del portátil y ya estaba. Ahora tienes que levantarte, es un poco cambio de rutina,  ves a tus compañeros.. .”

Xulia Guntín, profesora de Econometría explica que algúns estudantes apenas tiveron relación cos compañeiros: “Chegaron a terceiro con catro meses de clase presencial. É máis da metade da carreira sen clase presencial”.

Neste curso que hoxe comeza, con distancia mínima dun metro e vinte centímetros entre pupitres, itinerarios marcados e medidas de hixiene, as clases volven ser case normais nalgúns dos centros. Outros seguen mantendo unha parte dos estudantes en liña.