A terceira dose entra nas residencias de maiores
- A primeira en recibila foi Nieves Cabo, a mesma que xa fora pioneira na primeira e na segunda dose
- A Consellería de Sanidade agarda que o proceso poida rematar en dúas semanas
A voz inconfundible de Nieves Cabo preguntaba, minutos antes de recibir a terceira dose da vacina contra a covid, polas autoridades que ían asistir á inoculación inaugural da terceira dose nas residencias de anciáns galegas.
Xa está afeita a este tipo de actos. Ela foi a primeira en toda Galicia en ser vacinada coa primeira dose. Fora aló polos finais de decembro pasado. Daquela tiña 82 anos. Agora xa con 83 volve ser a pioneira na recepción da terceira e faino co mesmo ánimo que amosara na primeira e na segunda: “Onte cando mo dixeron quedei moi contenta. Dixéronme que tiña que ser a primeira. E díxen, ‘e logo non hai máis?’”
A canda ela reciben a picada de reforzo os outros 62 usuarios desta residencia da Porta do Camiño. “Encantada de poñela”, di una das usuarias, “as outras, nin as notei”.
Estaban desexando recibila
A directora do centro confirma o que estes homes e mulleres lles contan aos xornalistas; que estaban desexando recibila. Dende que souberan polos medios de comunicación que se abría a posibilidade da revacinación entraban cada pouco no seu despacho para preguntarlle se sabía cando llela ían inocular.
A vida nas residencias xa mellorou moito dende que teñen as dúas primeiras doses.
Poden saír ao exterior e recibir visitas e, agora con esta terceira, agardan mesmo recuperar certos actos sociais.
Nieves Cabo apunta coa súa man á máscara que lle cobre a boca e o nariz: “Eu quixera quitar isto”.
En 15 días, uns 30.000 residentes coa dose de reforzo
Eles son, unha vez máis, os pioneiros, antes de que, a partir de mañá, en todas as residencias de maiores de Galicia se vivan situacións parecidas.
Todos recibirán esa dose de reforzo, tal como acordaron o Ministerio e as comunidades autónomas e, dentro de dúas semanas, os 30.000 usuarios dos centros sociosanitarios galegos contarán xa con ese plus de inmunización.
Coa inmunidade reforzada algúns xa preguntaban se poden volver os bailes e as autoridades da Consellería auguran que o Nadal podería ser máis parecido a como era antes da pandemia.
Antón Acevedo, director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, está convencido de que será posible: “Yo creo que sí. Estas navidades serán muy distintas a las anteriores, sin ninguna duda”.