Enlaces accesibilidad
Medio ambiente

Entra en vigor a especial protección do lobo ibérico, que prohibe a súa caza en toda España

  • A Xunta recorrerá a supresión das batidas, á que tamén se opoñen as demais comunidades do norte
  • O 95 por cento dos lobos de España viven en Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León

Por
Prohibido cazar o lobo

O lobo é dende hoxe especie protexida en todo o territorio español. A Xunta recorrerá a medida, igual que as outras comunidades do norte, por considerar que deixa os gandeiros desprotexidos fronte aos ataques.

A prohibición da caza do lobo suscita a polémica entre gandeiros e ecoloxistas. Contrapoñen argumentos os defenden a medida e os que están a favor da caza, pero coinciden en que o acordo entre as administracións axudaría a resolver o conflito.

Piden acordo entre as administracións

Para Jacobo Feijóo, responsable de Desenvolvemento Rural do Sindicato Unións Agrarias, “o que teñen que facer as dúas administracións que xeraron este problema con esta norma é poñerse a falar desde xa e no prazo dun mes ter isto arranxado”.

Martiño Nercellas, da asociación ecoloxista ADEGA, a polémica está politizada: “Hai moito debate político detrás disto, moi interesado. Máis ben responde a outro tipo de intereses, probablemente de desgaste entre administracións”.

As principais diferencias están na maneira de xestionar a especie. O 30 por cento do que come son animais das explotacións gandeiras.

Os ecoloxistas piden máis investimento na protección do gando e en perseguir as matanzas de lobos. Indican que nas 38 batidas autorizadas en Galicia desde 2013 non se matou ningún lobo. Pero outra cousa, di Martiño Nercellas, é o furtivismo: “Unha caza furtiva totalmente tolerada, unha caza totalmente ao marxe da legalidade, que está provocando, só no caso de Galicia, que uns 200 ou 300 lobos anualmente sexan vítimas de lazos, de velenos ou de tiros directos”.

Responsabiliza ao gandeiro dos ataques

Os gandeiros salientan que, coa nova norma, o cobro as axudas polos estrados dos ataques dos lobos será en función do investimento que fixeron para previr eses ataques.

“Na liña de criminalizar a actividade gandeira”, subliña Jacobo Feijóo, “ e responsabilizar ao gandeiro de que, se ten una baixa dunha res por un ataque do lobo, é porque el non a coidou ben,  non porque haxa un factor de risco no medio natural”.

A Xunta recorrerá ante os tribunais a orde do Ministerio, que considera sen sentido nunha comunidade que, con máis de 90 mandas, nos últimos anos foi quen de manter o equilibrio entre a actividade dos gandeiros e a conservación da especie.