Enlaces accesibilidad
Play-Doc 2021

Videoarte e contracultura no cine máis pegado á realidade

  • Ata o domingo en Tui, nunha edición que combina as retrospectivas de grandes cineastas coa produción máis próxima
  • Unha programación arriscada que inclúe 22 curtas e longametraxes a concurso, estreas, obradoiros e concertos

Por
Play-Doc. Festival de documentais de Tui

Esta edición do Play-doc presenta en España ao documentalista Manfred Kirchheimer. Realizador independente dende hai seis décadas, é coñecido polos seus retratos de Nova York e a súas comunidades. En Tui presentará tamén o que rodou na corentena.

Outra retrospectiva é da norteamericana Bette Gordon expoñente da contracultura neoiorquina dos 80 e referente do cinema feminista.

Rescatar o esquecido ou censurado

Ángel Sánchez, o director do festival, explica que “sempre, o espírito do Play-Doc foi, dalgún xeito, rescatar a cineastas esquecidos, censurados ou que, por cuestións da moda do momento, ao mellor non tiveron o impacto internacional que deberían”.

Esta é unha edición moi internacional, con estreas mundiais, que tamén acolle e apoia os novos creadores galegos. O certame saca o cinema á rúa ofrecendo Visións nocturnas,  un percorrido por espazos históricos de Tui transformados por vídeoartistas.

Novas narrativas proxectadas en directo

Xisela Franco é a comisaria de Visións nocturnas: “Os videocreadores están traballando con novas narrativas, novas maneiras de enfrontarse ao material fílmico e de lanzalo, proxectalo en directo incluíndo o espectador, incluíndo o seu propio corpo”.

Play-doc homenaxea ao profesor e realizador tudense Daniel Domínguez. Entre as clases maxistrais destaca a do suízo Walter Saxer produtor de Werner Herzog. Obradoiros e concertos completan unha programación que conta con 22 películas a concurso.