Enlaces accesibilidad
Emprendedores

As ideas que naceron na pandemia, na Pont-Up Store

  • A crise da covid obrigou a pechar moitos negocios, pero tamén espertou a audacia dos emprendedores
  • Moitas das súas innovacións, con ADN galego, podemos coñecelas nunha feira aberta en Pontevedra

Por
Pont-Up Store, a feira dos emprendedores

O que podemos ver en Pont-Up Store son as ideas de 40 emprendedores galegos co interese engadido de que moitas delas naceron en plena pandemia.

Por exemplo, unha empresa do Salnés trae unha solución intelixente ao sempre difícil problema do aparcamento nas cidades.

Esta aplicación permite abrir co teléfono móbil a porta dos garaxes e que tanto particulares coma hoteis, supermercados ou outras empresas poñan a disposición dos condutores as prazas de aparcamento que non utilicen.

Con isto evitamos que a xente estea dando voltas e contaminando nos centros urbanos

Explícanolo Pablo Guillán, que é cofundador do proxecto Dooroti: “Eu marcho a traballar, traballo de sete da mañá a tres da tarde, e nese tempo poño a miña praza á dispoñibilidade de calquera outra persoa da cidade. Con isto evitamos que a xente estea dando voltas e contaminando nos centros urbanos”.

Planificación de parcelas

En Galicia é difícil ás veces localizar unha parcela, por exemplo, que acabamos de herdar. Nesta feira atopamos un planificador intelixente axuda a facelo e a coñecer o potencial do terreo. Mostra “que especies podes plantar desde o punto de vista forestal e normativo, se a finca está ben ou non, porque ten a forma, a xeometría do catastro sobre a fotografía aérea”, indica José Luis Gude, da empresa Smartwood.

Un xeado de sangue con maracuyá, framboesa, lima. Por dentro, para darlle textura, poñémoslle uns chicharróns suflados bañados con chocolate

Non faltan ideas gastronómicas orixinais. Xeados para padais extremos, con chile, queixo ou sangue de porco. É a proposta da empresa de Cangas Namelaka. Rubén Fernández cóntanos como é o xeado de sangue: “Xogamos coa historia e a tradición que hai en Galicia da sangue das filloas. Transformamos iso en xeado. Ven sendo un xeado de sangue con maracuyá, framboesa, lima. Tamén leva unha mestura de especias e, por dentro, para darlle textura, poñémoslle uns chicharróns suflados bañados con chocolate con yuzu e fresa liofilizada”.

Deterxente de eucalipto

Entre as múltiples propostas, bicicletas de bambú ou o primeiro deterxente para roupa con certificado europeo feito con elementos da natureza. “No noso caso”, explica Jaime Rodríguez, de Eucagreen, “aceites esenciais que se atopan na folla da árbore do eucalipto. Ten propiedades antibacterianas e antisépticas e para o lavado da roupa é moi útil. Xuntado con outros encimas conseguimos facer un deterxente cen por cen natural”.

A gran novidade deste ano é plataforma virtual que permite visitar a feira e facer operacións comerciais dende calquera lugar.