Buscan en Padrón a pedra na que pousaron o corpo do Apóstolo Santiago no seu desembarco en Galicia
- Venerada nos primeiros séculos das peregrinacións, cren que debeu quedar sepultada no recheo do río Sar
- Hai tres anos descubriron unhas escaleiras polas que se baixaba ao cauce para venerar a peza
A prospección do subsolo con medios tecnolóxicos está servindo agora para buscar unha das pedras angulares da tradición xacobea.
Un equipo de arqueólogos trata de localizar en Padrón a rocha na que a lenda di que os discípulos pousaron o corpo do Apóstolo Santiago cando o trouxeron a Galicia dende Palestina.
“Os peregrinos querían levar un anaquiño da rocha. Ante o perigo de destrución, o bispado de Iria decidiu poñela no medio do río“
Os traballos de prospección serven para trazar un perfil do que era o leito do río, antes do recheo feito hai uns 60 anos.
Debaixo podería estar a pedra que, na Idade Media, botaran ao río para evitarlle os danos que lle causaban os peregrinos.
"Pola devoción, querían levar un anaquiño da rocha. E ante o perigo de destrución, o concello e o bispado de Iria decidiron quitar a rocha do emprazamento orixinal e poñela no medio do río", detalla o arqueólogo Andrés Bonilla.
Anterior prospección
Unha prospección anterior, hai tres anos, descubriu unhas escaleiras polas que, segundo a documentación histórica, se baixaba ao cauce para venerar a pedra. Por iso agora saben onde buscar, contando coa axuda dun xeorradar.
O achado da pedra podería supór un renacer das visitas a Padrón, neste Xacobeo bienal.
A prospección está patrocinada pola Vermutería de Galicia, con sede en Padrón. "É moi importante para nós, nesta orixe do Camiño de Santiago, pór en valor todos estes elementos que configuran o berce do Xacobeo."