Os 'sanandresiños', amuletos de Santo André de Teixido, en perigo de extinción por falta de artesáns
- Feitos con miga de pan na aldea do Ortegal, apenas queda quen os faga
- A curto prazo non se albisca continuídade para este oficio singular que pasou de xeración en xeración durante séculos
Das mans de Jorge Bellón saen cada ano milleiros de sanandresiños, amuletos de miga de pan que amasa con auga e fariña.
“É como facer o pan de toda a vida: fariña e auga, para comer tamén leva sal e fermento“
“É como facer o pan de toda a vida: fariña e auga, para comer tamén leva sal e fermento, que neste caso non leva. Unha razón é para que non apodreza e outra porque se levedase perderíanse os detalles e formas que lle fas”.
Amasar sen presa e con paciencia
Váinolo contando Jorge mentres amasa “sempre sen presa e con paciencia” un feixe deles na trastenda do seu negocio en Santo André de Teixido, no concello de Cedeira.
Tal como aprendeu de súa nai, dalles forma cunha navalla e un punzón.Cóceos a lume lento, na cociña de leña, e, por último, coloréaos minuciosamente con anilina.
“O pintado é unha das cousas que máis chama a atención, aparte das formas, polo seu colorido“
“O pintado é unha das cousas que máis chama a atención, aparte das formas, polo seu colorido.Aquí precisamente van case case descombinados, pero o conxunto de todos eles así é un dos méritos dos sanandresiños”, explica o artesán.
Atados de oito pezas
Son oito as pezas que se seguen facendo e se venden en atados. Segundo a tradición, a flor protexe o amor; a barca, as viaxes; o santo, a saúde e a amistade; a sardiña, o alimento; a escaleira, o traballo; a man, os estudos; a pomba, a paz; e a coroa dá protección.
“Eu non sei se son os amuletos ou que é, pero eu de momento mala sorte non tiven aínda“
“Eu non sei se son os amuletos ou que é, pero eu de momento mala sorte non tiven aínda”, afirma rotunda unha señora que di comprar os sanandresiños cada vez que vai de romaría a Santo André de Teixido.
Outra parella da Coruña cóntanos que “xa temos uns colgados na casa, como decoración, e hoxe mercamos outros dous para regalar”.
Cada vez máis solicitados
“Vir a Santo André e levar os sanandresiños é algo moi habitual, case como visitar o Santo”, sostén Jorge, “pero son tan laboriosos e hai tanta demanda deles, que incluso este ano en agosto chegamos a estar sen eles varios días porque non dábamos feito”.
“Son tan laboriosos e hai tanta demanda deles, que en agosto chegamos a estar sen eles varios días, non dabamos feito“
Cada vez teñen máis demanda, pero en Santo André de Teixido apenas queda quen os faga... só outras tres familias, ademais da de Jorge. “A xubilación da xente que os fai está aí e ves que non hai ninguén que veña atrás que continúe”.
Jorge admite que non dá para vivir e que, no seu caso, compleméntao coa tenda de artesanía que rexenta na aldea cedeiresa.“Claro que é unha axuda moi grande, faise polo negocio, pero persoalmente faise máis porque non quero que se perdan, máis que polo negocio en sí. Daríame moita mágoa que se acabara de todo”, lamenta este pai de tres fillos pequenos, coa confianza de que algún deles siga coa tradición.
Unha tradición que pasou de xeración en xeración durante séculos e que, baixo o amparo do selo Artesanía de Galicia, Jorge está a levar por medio mundo.
“Foron para Houston, Toquio, Dinamarca... Non sei se quedará sitio no mundo sen un sanandresiño“
“Foron para Houston, están en Toquio, en Dinamarca... Eu non sei se quedará sitio no mundo onde non aparecera algunha vez un sanandresiño”. Ademais de na súa propia tenda, véndeos noutras de toda España, como a Real Fábrica, que distribúe as súas creacións tamén en internet.
Con todo, o propio é mercalos a carón do que está considerado como segundo santuario de peregrinación de Galicia, trala catedral de Santiago. Visita obrigada porque, segundo o dito popular, “A San Andrés de Teixido, vai de morto o que non foi de vivo”.
Protexida do Océano Atlántico polos cantís máis altos de Europa, a pequena aldea do Ortegal custodia esta curiosa artesanía, única no mundo.