Enlaces accesibilidad

Dous amigos de Alfoz con cadansúa explotación fan dos mellores meles do mundo

  • Son da nova xeración de apicultores galegos e acadaron a máxima distinción en Galicia e das máis altas a nivel internacional
  • Acompañámolos no final desta esmelga, na que se prevé unha produción inferior á do ano pasado

Por
O mellor mel

Javier Carreiras colleita o mel do breixo de setembro, a última floración que aproveitaron as súas abellas no val do río Ouro, na Mariña lucense.

“As abellas selan o mel cando xa está cunha humidade inferior ao 18% e aí é cando entramos nós a retirar os cadros e controlar que lles quede alimento para pasar o inverno”, explica Javier mentres quita os cadros totalmente operculados, axudado pola súa muller, María.

Javier e o seu irmán, Fran, teñen 150 colmeas espalladas en cinco apiarios de Alfoz e da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Nesta campaña produciron dous mil kilos de mel, menos do habitual, polo tempo revolto da primavera.

En maio choveu moito. É cando as colmeas están moi poboadas e necesitan comer. E comeron o mel que tiñan de antes

“Foi unha colleita atípica. No mes de maio choveu moito. É cando as colmeas están moi poboadas e necesitan comer. E comeron o mel que tiñan de antes. Se remontamos un pouco foi grazas as floracións de agosto e parte de setembro”, asegura o apicultor.

Artesáns das colmeas

Ao coidado e mimo das colmeas, súmase a elaboración totalmente artesá: primeiro retiran a cera dos cadros, o que se coñece como “rapar”, e logo centrifúganos nun estractor. Todo en frío, para manter intactas as propiedades deste tesouro alimenticio. Almacénano en maduradores unhas semanas e envásano bote a bote baixo a marca ‘O poder das flores’.

Somos o menos intrusivos posible no ciclo natural, sen ningún tratamento térmico

“Facémolo de xeito tradicional. Procuramos ser o menos intrusivos posible no ciclo natural, sen ningún tratamento térmico, para que ese mel que acabamos de recoller no apiario despois a xente o poida disfrutar directamente, como se levasen un anaquiño de monte no bote”, di Javier, mentres nos ensina as catro variedades que produce e vende en tendas de proximidade: mel multifloral, de breixo, de castiñeiro e de eucalipto.

Ouro puro

A menos de un kilómetro, na mesma parroquia de Carballido, aos pés do pico da Frouxeira, Iván Marrube tamén esmelga as últimas colmeas desta campaña.

Só conseguiu sacar uns mil kilos, a metade ca outros anos. Mentres revisa os panais descobre que, ben avanzado outubro, en moitos deles as abellas aínda están traballando para enchelos de mel.

“Cousas do cambio climático”, sostén estoutro mozo emprendedor de Alfoz, unha zona con gran tradición apícola. Iván apostou por recuperar as albarizas que foran do seu avó. Iso foi hai unha década... e agora para conseguir un bote do seu ‘Ouro Puro’ ten lista de agarda.

Aquí neste val que forman Alfoz e o Valadouro sempre se fixo mel de moi boa calidade

Esta é unha zona excepcionalmente boa para a producción de mel polas múltiples floracións que temos e a ausencia de contaminación. Aquí neste val que forman Alfoz e o Valadouro sempre se fixo mel de moi boa calidade.

Nós o que fixemos novo foi crer de verdade no produto que se viña facendo e darlle unha trazabilidade da máxima calidade”, asegura Iván que, ao igual que o seu amigo Javier, tamén se dedica á apicultura por afección, xa que ambos teñen outros traballos.

Nova xeración de apicultores

Na última cata dos meles de Galicia, organizada pola Xunta, ‘O poder das flores’ fíxose co primeiro premio na categoría de mel multifloral. E ‘Ouro Puro’ tamén co primeiro na categoría de monofloral, no seu caso de breixo. E este verán os dous acadaron o ouro nos ‘London Honey Awards’, un dos certames internacionais máis importantes do sector apícola.

Un recoñecemento internacional para esta nova xeración de apicultores que garanten o relevo nunha actividade na que a idade media xa baixou aos corenta anos. E que confirma a Alfoz como unha das grandes potencias melíferas de Galicia.

“Eu xa digo que somos o Silicon Valley do mel

“Eu xa digo que somos o Silicon Valley do mel”, bromea Iván, en referencia á meca de moitas start-ups tecnolóxicas en California, “porque moitos rapaces se están animando a emprender no mundo apícola e están acondicionando locais nos baixos das casas para procesar o mel”.

E admite sentirse orgulloso de poñer o seu gran de area nesta aposta “pola riqueza que temos aquí, no noso rural”

Tanto Iván Marrube como Javier Carreiras producen baixo a Indicación Xeográfica Protexida.

Un selo de calidade que engloba a 300 apicultores e comercializou o ano pasado 436 toneladas de Mel de Galicia.