Investigadoras do CSIC estudan as pezas medievais máis valiosas da catedral de Ourense
- Oito figuras de xadrez de cristal de rocha son parte do tesouro de San Rosendo
- Un equipo de TVE foi testemuña do achado dun puñado de terra que podería pertencer á tumba do santo
Catro científicas que están a estudar as pezas medievais máis valiosas da catedral de Ourense descubrían ante un equipo de Televisión Española en Galicia un achado inesperado.
Unha das catro caixas relicario de marfil do século XII, que se conservan no museo catedralicio dende 1998, contiña terra que podería pertencer ó sepulcro de San Rosendo, o monxe benedictino que fundou o mosteiro de Celanova no século X.
“En Celanova tiñan obxectos preciosos de marfil que, pola técnica e estilo, estarían relacionados con esta caixa“
A area estaba envolta nun papel do século XVIII que ten inscrito o nome do santo. Aínda que non existe ningún documento que acredite a relación da caixa co mosteiro, Silvia Armando cre que non sería unha sorpresa que pertencese ó coñecido como tesouro de San Rosendo.
A científica italiana, experta en marfís medievais, baseáse en que “en Celanova tiñan outros obxectos preciosos de marfil como un báculo pastoral ou peites que, pola súa técnica e estilo, estarían relacionados con esta caixa”.
O xadrez do Tesouro de San Rosendo
As xoias máis interesantes do museo son oito figuras de xadrez de cristal de rocha que sí forman parte do tesouro de San Rosendo. As investigadoras van intentar averiguar se proceden de Bagdad ou de Exipto e se llas regalou ao santo a súa nai, a condesa Ilduara.
A directora do proxecto descubriu que o que parecía suciedade é unha sustancia metálica con apariencia de ouro.
A estadounidense Therese Martin, unha investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas de Madrid, cre que o seu achado podería abrir as portas a outras investigacións porque “se eu o vin aquí, outros investigadores van mirar as súas pezas para saber se eles tamén poden ver un efecto dourado”.
Unha caixa de marfil case única no mundo
Silvia Armando tamén está a analizar unha arqueta que se usaba para gardar dúas balanzas de precisión.b Só hai cinco parecidas no mundo. Cre que pertencía a un orfebre ou un farmacéutico.
“É unha rareza dun valor incalculable porque se obtivo dun trozo dun bloque sólido de marfil“
"É unha rareza dun valor incalculable porque se obtivo dun trozo dun bloque sólido de marfil, o que quere dicir que é moi rica polos materiais que se usaron na súa creación”.
Estas científicas están a estudar os tesouros medievais de seis cidades de España, Francia e Alemaña. É un proxecto de investigación do CSIC financiado polo Estado para saber máis dos intercambios culturais que propiciaron a creación deses tesouros con pezas de diferentes partes do mundo.