Galicia finaliza este sábado a emerxencia sanitaria
- Todos os sectores recuperan a totalidade das cabidas, logo dun ano de restricións
- A hostalaría é o sector que máis agradece esta recuperación xa que foi dos que máis sufriu as limitacións
Ás barras dos bares e cafeterías quédanlles xa poucas horas para permanecer desertas, tal como levan dende hai máis dun ano. A recuperación do cen por cento da cabida nestes establecementos supón que poderemos volver usalas.
Os hostaleiros, os máis satisfeitos
A volta ao 100% de ocupación permitida nos establecementos é a novidade que máis se vai facer notar cando, a partir da medianoite deste venres ao sábado, entren en vigor as novas medidas de volta á normalidade permitidas pola boa evolución da pandemia en Galicia e polo alto porcentaxe de poboación vacinada.
A hostalaría é, sen dúbida, o sector que máis agradece esta recuperación das cabidas permitidas xa que foi tamén un dos que máis sufriu as restriccións.
Os hostaleiros recoñecen que “ aplauden coas orellas” por poderen usar a totalidade dos seus locais.
Unha boa noticia que lles chega despois dun verán moi bo no que os negocios funcionaron razonablemente pese ás restriccións e grazas aos bos datos turísticos.
Recuperación nas tendas de roupa
Nos comercios, coma as tendas de roupa, a volta á normalidade permítelles que entre máis xente, e vender máis, grazas á recuperación xeral da actividade. Ata agora, con boa parte da poboación traballando dende a casa e sen actos sociais, as compras de roupa ou calzado eran menos necesarias.
Os ximnasios viñan funcionando ao 90% da súa capacidade, limitada nos vestiarios ao 75%. A partir de mañá recuperan o 100% mantendo, iso si, a distancia e a máscara.
Albergues e lecer nocturno
A totalidade da cabida permitida volta a todos os sectores que dependen da regulación autonómica. Tamén aos albergues de peregrinos e ao lecer nocturno, nestes dous casos, coa autorización do Tribunal Superior para poder esixir o certificado de vacinación.