Enlaces accesibilidad
Cultura

Homenaxean ao poeta limiao Antón Tovar polo centenario do seu nacemento

  • Falecido en 2004, foi unha das voces poéticas galegas máis destacadas do século XX
  • A existencia e a obra do escritor son reflexo das súas depresións e neuroses obsesivas

Por
Antón Tovar

Que escribirei amiga, irmá, esposa?Xa escribín este verso e as palabrassó saben do teu nome, son as cabrasque pola morte fuxen, morte nosa….

Son os versos iniciais do derradeiro soneto escrito por Antón Tovar dezaseis meses antes do seu pasamento. Está inédito e dedicoullo a Tucha, a súa muller morta no ano 2000.

A existencia e a obra do escritor limiao son un reflexo das depresións e neuroses obsesivas que padeceu dende moi novo. A teima dos seus postremeiros anos de vida foi a morte.Preocupáballe como sería e cando sería, porque a vía cada vez máis cerca polos seus graves problemas de saúde.

Exposición no Museo da Limia

O Museo da Limia acolle unha exposición que reúne obxectos persoais do escritor, como o seu dicionario ideolóxico galego.

Nela está o manuscrito dun dos libros nos que está moi presente a morte é Cadáver adiado, o seu último poemario editado.

Destaca unha das carpetas que conteñen as fichas do dicionario ideolóxico que elaborou durante tres anos para enriquecer o galego da súa escrita.

Delfín Caseiro, o director do padroado do museo, amigo e estudoso do escritor, cre que “con esa ferramenta logrou superar as limitacións da expresión poética e atreverse a escribir os dous libros de memorias (Diario sin datas e Diario íntimo dun vello revoltado) e o seu libro de relatos A grande ilusión e outros contos.

A voz poética da Limia

Antón Tovar naceu o 26 de outubro de 1921 na Pereira, unha aldea de Rairiz de Veiga. A súa familia materna rexentaba un dos comercios máis importantes da Limia. No museo de Vilar de Santos hai unha réplica case exacta da tenda.

Criárono en castelán, pero escoitando falar aos veciños aprendeu o galego co que escribiu os seus dous primeiros poemarios: Arredores e Non.

A Pereira era o lugar onde se refuxiaba da súa anguria existencial

Delfín Caseiro lembra que aínda que viviu case toda a súa vida en Ourense “A Pereira era o lugar onde se refuxiaba da súa anguria existencial”.

Actos de homenaxe

Co gallo do centenario do poeta, o Museo da Limia programou unha serie de actos na súa homenaxe coma unha “Conversa de taberna", na que participaron o escritor de Chantada Xosé Lois García e o seu amigo e editor, Xesús Alonso Montero.

Cando se solicita algún recoñecemento para Antonio Tovar eu digo que podería ser un candidato ao Premio Nobel no seu momento

Aos seus 92 anos, o expresidente da Real Academia Galega non dubida en afirmar que Tovar foi un dos mellores poetas europeos do século XX: “cando se solicita algún recoñecemento para Antonio Tovar eu digo que podería ser un candidato ao Premio Nobel no seu momento”.

Tovar sempre se sentiu insatisfeito pola acollida da súa obra, pero hoxe moitas voces considérano merecedor do Día das Letras Galegas pola calidade e autenticidade da súa poesía e prosa existencialistas.

Cando xa non podía escribir, pouco antes de morrer o seu desexo era que a xente o lese.

O cantautor de Valdeorras, Anxo Rei, non só leu a súa obra senon que ademáis musicou dez dos seus poemas e recompilounos nun disco titulado A rabela da pluma.