O grupo Baiuca está na embaixada española en Xartum, atrapado polo golpe de estado
- Viaxaran a Sudán para actuar no festival de música Sama, cando os sorprendeu o levantamento militar
- É un dos grupos con maior proxección da música galega actual, coa súa fusión de folk e electrónica
Os cinco integrantes de Baiuca, liderado polo músico de Catoira Alejandro Guillán, chegaban a Xartum poucas horas antes de que, na madrugada do luns, os militares tomasen o poder cun golpe de estado contra o goberno civil de Sudán.
Desde entón permanecen na residencia da Embaixada de España na capital africana, onde xa estaban aloxados. Non nos resulta posible falar directamente con eles, porque as comunicacións foron interrompidas, pero o seu manager, Alan Queipo, asegura que mantén contacto permanente co embaixador e cos servizos de seguridade da Embaixada. “Eles atópanse ben, están tranquilos e seguros, aínda que tamén expectantes por saber cando van poder volver. Están protexidos, acompañados e vixiados pola policía e os corpos de seguridade da embaixada”.
“Atópanse ben, aínda que expectantes por saber cando van poder volver
Folk e electrónica
Baiuca é un dos grupos con maior proxección da música galega actual, coa súa fusión de folk e electrónica.
Ían dar un concerto, que evidentemente foi cancelado, onte á noite na clausura de Sama, un festival que leva anos convertindo Xartum na capital africana das músicas do mundo.
“Estivo desenvolvéndose perfectamente desde comezos de mes, de feito houbo actuacións ata o mesmo domingo que sucederon con normalidade”, sostén Alan Queipo, e di que iso foi o que os animou a participar.
A banda tiña previsto regresar hoxe á casa, trala actuación, pero o aeroporto de Xartum permanece pechado tralo golpe de estado que paralizou a transición democrática do país. Queipo confía en que poidan facelo esta fin de semana. “A previsión agora mesmo é que reabrirá as súas pistas o venres. Así que xa reservamos billetes para entón"
E se finalmente abre antes, trataremos de que volvan antes, por suposto”, explica o manager de Baiuca desde Bilbao, onde cumpre con outros compromisos profesionais que fixeron que non viaxara co grupo a Sudán.