Centolas, poucas pero de moi boa calidade no comezo da campaña de capturas
- Os mariscadores teñen grandes expectativas nesta tempada, pola proximidade ao Nadal
- Na lonxa do Grove, a de referencia, os prezos oscilan entre os 9 e os 24 euros o quilo
A frota da centola do Grove sae á procura do marisco máis agardado. Os primeiros barcos sitúanse a menos de dúas millas da costa.
“Levamos esperando todo o ano a que cheguen os meses de novembro e decembro“
A expectación é máxima, como declara o mariñeiro Alberto Vidal. "Levamos esperando todo o ano a que cheguen os meses de novembro e decembro, eso quere dicir todo".
Capturas
O tope de capturas, 35 quilos por barco e outros tantos por tripulante. O tempo non acompañou á frota no arranque da campaña, pero din os mariñeiros que os primeiros días non son significativos.
"O mar é moi chan, hai mareas moi vivas e moitas non mallan. Algún máis ha de aparecer", sinala Luis Otero.
“Esperemos que ao longo desta semana, que vai baixar o vento, se pesque algo máis“
Eles coñecen ben o oficio. "Péscase moito cando hai lúa. Esperemos que ao longo desta semana, que vai baixar o vento, se pesque algo máis", engade Marín Vidal.
Agardan que as cifras se asemellen ás do ano pasado: máis de cinco millons de euros de facturación en toda Galicia e 560 toneladas capturadas. "Ao mellor coma o ano pasado non, que houbo moita", matiza Luis Otero.
A campaña pasada foi boa en capturas, pero non en prezos, porque os restaurantes estaban pechados pola covid.
Machos e femias
As centolas van ao fondo mariño para aparearse e voltan á costa para desovar.
“Gústame máis o macho, máis saboroso, a nécora igual. Hai quen prefire a femia, porque ten o coral“
Joaquín Santos ensina a diferenza entre sexos. "O macho adoita ser máis grande e a femia máis redonda. A mín gústame máis o macho, máis saboroso, e a nécora igual. Pero hai quen prefire a femia, porque ten o coral. Para gustos".