Un carballo centenario de Conxo encabeza a votación para ser candidato español a árbore europea do ano 2022
- Único aspirante galego dun premio que recoñece a beleza, tamaño e idade, pero tamén a súa historia
Foi testemuña do Banquete de Conxo, en 1856, e inspirador da denuncia ecolóxica de Rosalía de Castro, pioneira en España
Con trinta metros de alto, case catro de perímetro e tres séculos de vida, é o avó dun bosque urbano na zona sur de Santiago.
Banquete de Conxo
“Os estudantes servían a comida aos artesáns como símbolo da igualdade, fraternidade e liberdade“
Baixo as súas pólas transcorreron acontecementos únicos da historia de Galicia, coma o insólito Banquete de Conxo.
“Foi unha especie de mitin disfrazado de comida, onde os estudantes servían a comida aos artesáns como símbolo da igualdade, fraternidade e liberdade. Berraron pola liberdade cos ideais da Revolución Francesa, os novos ideais contra a Antigo Réxime, e a árbore foi testemuña porque foi a carón desta arbore onde se celebrou aquel banquete de 1856”, explica o escritor, editor e promotor cultural Henrique Alvarellos.
Dese banquete, que lembra un mosaico a poucos metros do carballo centenario, xurdiría a xeración que promoveu o Rexurdimento da Cultura galega.
Rosalía de Castro
Este bosque fascinou a Rosalía de Castro, que ambientou aquí a súa última novela ‘El primer loco’. E tamén varios poemas de denuncia polas cortas indiscriminadas nesta fraga que chegou a albergar mil carballos, dos que hoxe só quedan uns corenta centenarios, con este como emblema.
“Os especialistas en Rosalía din que fixo os primeiros textos en defensa dun bosque en España“
“No seu poemario ‘En las orillas del Sar’ deixou dous poemas, ‘Los Robles’ e ‘Jamás lo olvidaré’, criticando esta desfeita. Esa manifestación en verso de Rosalía de Castro e a súa novela ‘El primer loco’ todos os especialistas en Rosalía din que son dos primeiros textos en defensa dun bosque en España. Os primeiros textos ecoloxistas no mundo da literatura feitos en España”, sostén Alvarellos.
Este promotor cultural foi un dos que impulsou a apertura do Bosque do Banquete de Conxo como parque público en 2018, tras permanecer pechado para uso exclusivo dos internos do Hospital Psiquiátrico de Conxo durante 133 anos. Unha reapertura celebrada cunha gran festa con miles de persoas.
Concurso
Grande en historia e apego cidadán, iso é algo que valora especialmente o concurso da árbore europea do ano.
“Si que hai unha mobilización grande no barrio, porque hai gañas de que se coñeza e se disfrute esta contorna e a historia desta árbore”, recoñece Xavier Sánchez, presidente da Asociación de Veciños Conxo Aberto.
“Con máis de dezaseis mil votos sitúase como favorito entre os outros dez competidores de toda España“
Con máis de dezaseis mil votos sitúase como favorito entre os outros dez competidores de toda España, superando en máis de catro mil ao segundo, a sabina de Blancas, en Teruel.
O concello de Santiago, promotor da candidatura, fai un chamamento á participación.
“Aragón está a facer unha movilización xeral de todo o gobeno autónomo de Aragón para conseguir gañar eles. De momento estamos nós en primeira posición e nós tamén necesitamos o apoio de todos os composteláns e todos galegos para que se recoñeza algo que é unha referencia coa que todos os galegos nos podemos sentir identificados”, asegura o alcalde Xosé Sánchez Bugallo.
A votación popular, na web arboleuropeo.es, remata o 20 de novembro e o 27 coñecerase o gañador español que concursará a nivel europeo.