Baixo Miño e Val Miñor, contra os eólicos na serra da Groba
- Os Concellos rexeitan os cinco parques previstos na serra entre Baiona e o Rosal
- A plataforma SOS Groba recolleu tres mil escritos con máis de cen mil alegacións
O primeiro dos cinco parques proxectados na serra da Groba, chamado Albariño I, conta con seis aeroxeradores dunha altura, contando as aspas, de 199 metros.
Está previsto que se instalen catro en terreos das parroquias de Mougás e Burgueira, no Concello de Oia, e outros dous en Belesar, en Baiona. Contando os cinco parques suman 27 muíños, previstos tamén en montes de Tomiño e O Rosal.
A oposición da Plataforma SOS Groba
A Plataforma SOS Groba entende que se trata de parques solapados divididos en miniparques co fin de evitar a complexa tramitación dun único parque grande.
Bruno Centelles, portavoz da Plataforma SOS Groba, explica que está previsto que outros dous parques, o Torroña I e o Torroña, se conecten co Albariño I leven a produción enerxética a Barrantes atravesando a Groba con tendidos aéreos e soterrados de varios quilómetros.
Por iso entende que se trata dun fraude de lei: “A lei prohibe expresamente que os distintos parques compartan estruturas e se mesturen. Estamos falando de tres parques que son de tres empresas pretendidamente diferentes, pero as tres vencelladas á superpotente Acciona. Isto é una trampa”. Centelles asegura que é unha práctica habitual noutros proxectos eólicos de Galicia.
“Se un parque supera os 50 megavatios debe ser tramitado cun estudo de avaliación ambiental. Ao tramitar varios miniparques cunha potencia menor, ese requisito non se precisa“
O portavoz aporta outro dato: “Se un parque supera os 50 megavatios debe ser tramitado pola normativa estatal cun estudo de avaliación ambiental. Neste caso, ao tramitar varios miniparques cunha potencia menor, ese requisito, máis rigoroso, non se precisa”.
Bruno Centelles critica que o proxecto fora declarado pola Xunta de interese prioritario e só tiveran quince días para estudar os tres mil folios do proxecto e presentar alegacións.
SOS Groba reclama transparencia e legalidade porque consideran que a enerxía eólica vai mudar a España baleirada: “Vamos facelo con tranquilidade, vamos facelo con transparencia e con datos. O que se está facendo aquí, sobre todo en Galicia, é trampa, engano e ocultación”.
Os concellos do Val Miñor e Baixo Miño rexeitan os proxectos
Concellos, asociación e particulares asinaron tres mil escritos de alegacións ao primeiro dos proxectos. Os plenos dos concellos do Baixo Miño e Val Miñor posicionáronse contra os plans eólicos na Groba e representantes das corporacións concentráronse en Baiona para visibilizar o seu rexeitamento.
Apostan por defender a paisaxe, o retorno económico do turismo que xera, así como os valores naturais, etnográficos e o uso tradicional do monte no que se crían os cabalos salvaxes que se reúnen nos afamados curros da zona.
Nesa concentración, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez adiantou que recorrerá á xustiza se é preciso para evitar o que cualificou de “espolio consentido pola Xunta”, e dixo que “estas novas enerxías non se poden implantar a calquera custo”.
SOS Groba advirte de que o DOG publicou, só en outubro, solicitudes para instalar 178 aeroxeradores que poderían cubrir o consumo de tres millóns de persoas.