Enlaces accesibilidad
Economía

A falta de man de obra e a crise dos materiais limitan o crecemento da construción en Galicia

  • O sector precisa con urxencia 8.000 traballadores especializados
  • Medra a demanda en obra pública, vivendas unifamiliares e rehabilitación

Por
A construción precisa 8.000 traballadores especializados en Galicia

Juan José está rematando a súa formación. É un deses albaneis aos que agardan as construtoras cun contrato na man.

Sabe que as empresas “están reclamando moita xente do tema de reformas, xente que este cualificada e preparada para poder traballar xa.”

Anxo, un mozo e 25 anos xa está vinculado a unha empresa de reformas. Traballa catro días na obra e outro dedícao a formación teórica.

El pensa que terá emprego asegurado: “Dannos un contrato, unha estabilidade laboral bastante boa. Nos da un ano de contrato con posibilidade de seguir dous ou tres anos máis”.

Falta relevo xeracional

O sector da construción precisa duns oito mil traballadores en Galicia. Non hai relevo xeracional, en menos de dez anos xubilaranse a metade dos xefes de obras e albaneis especializados. Os mozos non queren eses traballos, que están ben pagados, aínda que non tanto como hai 15 anos.

É verdade que non hai os salarios que había nos anos 2007 ou 2008, porque era insostible

Fernando García, da Fundación Laboral da Construción explica que “a xente cobraba moi por riba do convenio na época do ‘boom’. Todos coñecemos xente que, de verdade, traballaba moitas horas pero ganaba moitos cartos. Iso dun día para outro, desaparece. É verdade que non hai os salarios que había nos anos 2007 ou 2008, porque era insostible, ademais”.

A incorporación da muller ao sector tampouco se está conseguido. E os inmigrantes tamén precisan dunha adecuada formación.

Problemas para executar os fondos europeos

Desde 2008, a man de obra na construción reduciuse nun 50 por cento. Fernando García asegura que, se non hai traballadores suficientes, os fondos europeos de recuperación non se poderán executar: “No contexto actual que temos, de problemas de alzas exponenciais de custos dos materiais, do desabastecemento que hai, sumado á necesidade de traballadores, á falta de man de obra... Nesta situación non se poden executar os fondos europeos. Sería practicamente imposible”.

A construción emprega directamente en Galicia 75.000 traballadores e hai sen cubrir uns oito mil postos de traballo.

Medra a demanda en obra pública, vivendas unifamiliares e rehabilitación

Agora, trala crise e a covid, a demanda da empresas construtoras cambiou. José Manuel Portas, xerente de Gruporesa, explica que “hai 15 anos o que máis se construía era edificacións. Agora mesmo o que hai é máis obra pública grande e moita vivenda unifamiliar, e sobre todo, moita reforma”.

Paula Alfonso é arquitecta. Unha nova profesional que xa viviu dúas crises.Asegura que a situación é agora diferente: “En todo caso estariamos no escenario anterior ao ‘boom’. As cifras que se manexan agora mesmo son dun 35 por cento con respecto a hai 15 anos. Non hai a cantidade de traballo que había antes nin se manexan esas cifras”.

As consecuencias da pandemia

Estamos ante das consecuencias económicas e socias da covid, como explica María Cadaval, doutora en Economía Aplicada da Universidade de Santiago: “A xente tivo que recluírse na súa casa, que moitas veces utilizaba só para ir durmir, e deuse conta de que non é todo o confortable que debe ser para situacións nas que necesitamos estar na casa. Por iso se está procurando cambiar, mudar, reformar a vivenda. Tamén hai ese aforro embalsado do que se fala, que agora se está desembolsando todo xunto e iso xera unha especie de tapón, non só na construción”.

Acceden as clases medias altas, os xoves seguen tendo moitísimos problemas para poder acceder á vivenda

Circulan os cartos, pero agora e máis difícil acceder a unha hipoteca.

Para Paula Alfonso, está claro que “non todo o mundo accede á construción. Acceden as clases medias altas, os xoves seguen tendo moitísimos problemas para poder acceder á vivenda, moitísimos. É practicamente imposible que un mozo que se acaba de emancipar, de 25 ou 30 anos, teña capacidade económica como para facerse cargo dun alugueiro nin da compra dunha vivenda”.

E o que si chegou para quedar é a rehabilitación, a xuízo de María Cadaval: “A demanda de rehabilitación de vivenda, que seguirá nos vindeiros anos, como seguirá tamén a implantación deses fogares dixitais que nos permitan envellecer incluso na nosa casa”.