Enlaces accesibilidad
Coronavirus

Os expertos dubidan da eficacia das medidas para impedir a propagación da nova variante da covid

  • Aconsellan combinalas con prevención e vacinas
  • A variante ómicron demostra a importancia de vacinar a toda a poboación mundial

Por
Os expertos dubidan da eficacia das medidas contra a nova variante da covid

O xefe de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago e membro do Comité Asesor de Vacinas da OMS, Federico Martinón, é un dos especialistas en saúde mellor situados en Galicia para observar a evolución da pandemia.

Ante a irrupción da nova variante ómicron nos titulares de todo o mundo, amosa unha mestura de escepticismo e preocupada precaución.

Martinón é un tanto escéptico ante a capacidade das medidas que están a adoptar uns países detrás de outros para tratar de coutar a entrada da nova cepa.

Di que deberíamos ter aprendido do feito de que nin sequera o confinamento, ao inicio da pandemia, conseguira parar a proliferación do virus

Insiste en que a vacinación e as medidas preventivas son as únicas armas que temos para paliar os efectos do contaxio e para evitar que teña consecuencias graves.

A vacina é a chave para abrir o virus

Federico Martinón compara á vacina cunha chave que abre o virus e o pode destruír. As variantes poden facer que a chave funcione un pouco peor pero aínda así, sigue servindo para acceder ao seu interior. Unha chave que, lembra, o mesmo que outros especialistas, está mal repartida.

Avisa de que mentres non haxa niveis de vacinación aceptables en todo o mundo, non estaremos seguros contra a chegada de novas cepas, por moito que nos países occidentais inoculemos terceiras ou sucesivas doses ou incorporemos cada vez máis grupos de idade aos xa vacinados.

O virus segue ceibo e pode volverse perigoso

Un virus circulando sen control entre amplas capas da poboación en determinadas zonas xeográficas pode facilitar a aparición de cepas que resulten máis perigosas.

Iso, de momento, non sucedeu e as que van aparecendo, como parece demostrar a ómicron, son máis contaxiosas pero non máis letais.

A prevención e a xeneralización das vacinas, din os especialistas, é o remedio para conxurar esa ameaza.