A dose de reforzo chega aos maiores de sesenta anos
- Uns 345.000 galegos están chamados a recibir a terceira picada nos centros de vacinación masiva desde hoxe
- O novo grupo coincide cos últimos que reciben o reforzo trala vacina monodose de Janssen
Sen apenas ringleiras e con fluidez... así comezaba na Cidade da Cultura, en Santiago, a vacinación dos que teñen entre 60 e 69 anos.
Con catro mil persoas citadas hoxe, neste recinto de vacinación masiva coincide o novo grupo cos últimos que reciben o reforzo trala vacina monodose de Janssen.
“Moitas, moitas ganas de poñela. E se hai que poñer outra máis pronto tamén se pon”, asegura unha das persoas que acaba de recibir o reforzo. “Supón máis protección e canta máis protección mellor para todos”, comenta outra.
“Vacinar haise que vacinar. Os que non se vacinan xa non deberían nin deixarlles entrar no hospital“
Un sesaxenario sostén que “de ter que poñela, canto antes mellor. Eu vexo ben aínda que a haxa que poñer dez anos. Vacinar haise que vacinar, os que non se vacinan xa non deberían nin deixarlles entrar no hospital”, sostén outro.
É tal o interese por inmunizarse, que ata atopamos a unha persoa que foi sen cita “porque marcho de viaxe e quería poñer xa a terceira dose para que non houbera problema”.
Os de AstraZeneca, reforzo con Pfizer ou Moderna
Son uns 345.000 os maiores de sesenta chamados a recibir esta terceira dose nos 16 centros de vacinación masiva a partir de hoxe, o que supón o 99,6% da poboación diana.
Esta franxa de idade foi das que máis levou a vacina de AstraZeneca e agora administraranlles a picada de reforzo de Pfizer ou Moderna.
“O grupo de 60 a 69 anos é o que máis recibiu AstraZeneca. Se unha persoa recibiu as dúas doses de AstraZeneca só hai que esperar tres meses para poñer o reforzo, que se porá cunha vacina de ARN mensaxeiro, é dicir, Pfizer ou Moderna, pasados eses tres meses. En caso de que recibiran a primeira de AstraZeneca e na segunda optaran por Pfizer, temos que respectar os seis meses da dose de Pfizer, poríase o reforzo pasados seis meses”, asegura Álex Baña, un dos coordinadores da vacinación na Cidade da Cultura.
E aclara que “os que recibiran as dúas doses con Pfizer ou Moderna, reforzamos coa mesma vacina pasados seis meses”.
Despois dos de sesenta, tocaralle ao persoal sanitario e socio-sanitario, co obxectivo de ter a toda a poboación de maior risco inmunizada coa dose de reforzo antes do Nadal.
Ata este mércores, en Galicia lévanse administrado 4.970.864 doses da vacina contra a Covid-19.