A nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista
- Chega aos cines Valentina, a película de animación de Chelo Loureiro, nominada aos premios Goya
- É unha chamada a darlle protagonismo e non poñerlle límites ás persoas con discapacidade
Hoxe estréase nos cines Valentina, a primeira nena con síndrome de Down protagonista dunha película de animación.
Producida integramente en Galicia, está nominada aos Goya e con este traballo a directora, Chelo Loureiro, pretende visibilizar as capacidades das persoas con discapacidade.
Valentina é unha nena diferente aos ollos dos demais, porque ten síndrome de Down. Valentina soña, como calquera nena. De maior quere ser trapecista. Por fortuna, a súa avoa repítelle cada día que, se o verme se pode converter en bolboreta, ela pódese converter no que queira.
Unha rapaza con discapacidade, protagonista dunha película de animación. Xusto o que a directora quería.
“É xente que se esforza moitísimo máis que o resto, precisamente para que non se lles discrimine“
“Son sempre secundarios e son sempre case invisibilizados”, subliña Chelo Loureiro. “Hai que poñelos en primeiro plano, hai que darlles o protagonismo que merecen porque, ademais, se esforzan tanto... É xente que se esforza moitísimo máis que o resto, precisamente para que non se lles discrimine”.
Feita en Galicia con equipo galego
É unha película feita en Galicia. No equipo, nomes de sona coma Lúa Testa no guión, música de Nani García, cancións de María Manuela ou Uxía, e unha morea de nenas e nenos, entre elas, Pepa e Luci, na dobraxe, que sintonizan tan ben con Valentina porque teñen a mesma discapacidade ca ela.
Había seis anos que en España unha muller non dirixía unha película deste xénero. Esta, ademais, é candidata a premio. “O premio para min”, recoñece a directora, “xa é que se estree en cines e que a xente vaia vela. Iso sería o mellor dos Goyas”.
A película vai dirixida aos cativos, porque son esponxas, e a nais e pais porque teñen as ferramentas da educación, imprescindible para cambiar a mirada.