Enlaces accesibilidad
Cine

Remata a rodaxe no Xurés de 'O corpo aberto', o primeiro traballo de ficción de Ángeles Huerta

  • É unha longametraxe de terror folk baseada nun conto de Méndez Ferrín e protagonizada por Tamar Novas
  • A cineasta sitúa os personaxes nun territorio transfronteirizo para explorar os límites entre o masculino e o feminino

Por
Remata a rodaxe no Xurés de 'O corpo aberto', o primeiro traballo de ficción de Ángeles Huerta

Os concellos ourensáns de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín e mailas localidades portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montealegre, son os lugares da Reserva da Biosfera Geres-Xurés nos que se rodou a película O corpo aberto.

A rodaxe acaba de rematar en Tourem e nos exteriores da reitoral de Barxés, en Muíños. A cineasta Ángeles Huerta transformou eses lugares durante seis semanas en Lobosandaus,  a enigmática aldea imaxinada por Méndez Ferrín que dá título a un dos contos incluídos no libro Arraianos.

A Raia Seca é ese espazo máxico onde se desdebuxan non só as identidades nacionais e lingüísticas, senón tamén os límites entre o masculino e o feminino ou mesmo entre a vida e a morte

A directora asturiana afincada en Galicia válese dese relato e dese territorio transfronteirizo para explorar o concepto de linde.

“A Raia Seca” di “é ese espazo máxico onde se desdebuxan non só as identidades nacionais e lingüísticas, esa fronteira incerta entre Galicia e Portugal,  senón tamén onde se desdebuxan os límites entre o masculino e o feminino ou mesmo entre a vida e a morte”.

Elenco galego-portugués

O actor santiagués Tamar Novas encabeza o elenco galegoportugués que protagoniza esta historia de terror folk que ocorre a principios do século pasado.

Interpreta a Miguel, un mestre novato da capital que recibe como primeiro destino unha pequena aldea de montaña. Ten unha mentalidade tan científica e racionalista que lle custa comprender que a veciñanza crea que os espíritos dos mortos poden permanecer entre os vivos posuíndo outros corpos.

Confesa que está sorprendido pola riqueza da película: “fun vendo imaxes do que estamos facendo e todo é moi atractivo, o espazo, os personaxes, os mundos aos que se alude, o ritmo da película creo que é para sentarse e viaxar”.

A viguesa María Vázquez dá vida a Obdulia, unha veciña encamada que por estar enferma convértese nun “corpo aberto” ao ser posuída polo espírito dun capador portugués.

Para ela a dificultade da película estivo en ter que interpretar a un personaxe feminino que tras ser habitado polo espírito dun defunto masculino comeza a comportarse coma el.

A lusa Victoria Guerra é a protagonista feminina do filme. Interpreta a Dorinda, a fascinante muller casada da que se namora o mestre e que é seducida polo personaxe de María Vázquez.

Recoñece que lle encanta como a directora abordou a sexualidade das mulleres a principios de 1900 e a proximidade das culturas galega e portuguesa.

A película, que conta coa participación de RTVE e que se rodou na súa meirande parte en galego e portugués,  estrearase nos cines no outono de 2022.