'Indómitas', dez casos de mulleres que loitaron para cumprir os seus soños
- Non dubidaron en poñer en marcha as súas iniciativas pese a irromper en terreos tradicionalmente masculinos
- A exposición pódese visitar na sede de Afundación en Santiago ata finais de marzo
Paula cóntanos que, xunto coa súa compañeira, mercou unha lancha e se botou ao mar, na Costa da Morte, para facerse percebeira sen ter tradición familiar no oficio nin quen lle dese consellos nin a orientase sobre faenas e mercados.
Unha dificultade engadida para quen empeza nun oficio tan arriscado e complicado. Pero tivo que vencer unha dificultade máis, a de ser muller.
Que unha rapaza nova se faga percebeira xa non é novo pero di que é un atranco máis para quen, coma ela, empeza no oficio.
Hoxe di que lle vai ben e que está moi satisfeita de ter dado o paso.
Vender viño en todo o mundo
Tamén está contenta de ter perseguido o seu soño Laura. Recoñece que, visto dende hoxe, a súa idea de facerse viticultora, sen ter terras nin bodega nin cartos para mercalas, era un movemento moi arriscado. E se quen o facía era unha moza de vinte e poucos anos aínda podía parecer máis atrevido.
A contorna, na comarca ourensá do Bibei, con viñas moi difíciles de traballar e abandonadas, engadía máis atrancos aos seus anceios pero hoxe dáos por superados.
Novidade na viña e no bar
Ela aponlle ese éxito a que era unha rapaza nova chea de vitalidade e azos que foi quen de lograr que a admitiran nun mundo de homes e que mesmo lle fixeran un oco no bar da localidade, lugar tamén vedado á presenza feminina ata a súa chegada a esta comarca ourensá do Bibei.
Hoxe gañou o seu posto coma viticultora e merca e aluga viñas neste val e noutros veciños ata reunir case cinco hectáreas e comercializar por todo o mundo máis de 35.000 botellas de viño.
Tanxugueiras, tamén 'indómitas'
Elas son dúas das mulleres que protagonizan a exposición 'Indómitas', que se pode visitar na sede de Afundación na Rúa do Vilar de Santiago.
Ao carón dunha alpinista de Chantada que segue escalando pasados os 50 anos, dunha artista urbana ou das integrantes do grupo Tanxugueiras, preséntanse coma exemplo de que as mulleres teñen todo un mundo ao seu alcance se non renuncian a perseguir os soños.