Enlaces accesibilidad

Uxío Novoneyra retorna para sempre ao Courel

  • Os restos mortais do poeta foron trasladados hoxe á súa casa natal, sede da súa fundación
  • 22 anos despois do seu falecemento, a familia de Novoneyra quixo cumprir o desexo do poeta

Por
Uxío Novoneyra volve ao Courel

“¿Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!” 

Elba Rey, a viúva de Novoneyra, lembrou os coñecidos versos do poeta para explicar que o traslado dos seus restos á súa casa natal na aldea de Parada, no Courel, sede agora da Fundación Novoneyra supón o “camiño inverso”.

O autor de Os Eidos podía quedar en Compostela, pero “quixemos que retorne, porque el o quería,  el decía: volverei, non sei cómo pero volverei, cando estaba tan enfermo”, rememorou a súa viúva.

Poemas para o traslado

A pesar dos cinco graos baixo cero de temperatura no cemiterio de San Froilán en Lugo ás nove e media desta mañá, os corazóns dos familiares de Novoneyra mantiveron o calor do agarimo para recitar algúns dos seus poemas coma este na voz de Nieves Neira, xornalista e familiar do poeta:

“Se o pasado é pasado e o presente é o urxente /porque inda busca a xente / aquel soño clausurado. Vido visto ben Santiago / i esa cuestión non resolta / fago camino de volta / camiño de volta fago. / Camiño de volta fago / volvo do cabo do Mundo. / Terra solo en ti me fundo: / é a certeza que trago"

Uxío Novoneyra faleceu en 1999 en Santiago de Compostela. Desde aquela descansou no cemiterio de Lugo, unha cidade na que viviu e coa que tiña moita relación, como recordou seu fillo Uxío Novo Rey, quen se mostrou agradecido coa corporación municipal, coa xente, coa cidade que “coidou máis de vinte anos” de seu pai.

Veciño de Lugo

“Eu nacín en Lugo –precisou o tamén secretario da Fundación Uxío Novoneyra– meu pai era veciño daquí, tiña moita relación. Aquí estaba cos seus amigos, con Ánxel Fóle, con Pimentel, con Celestino Fernández de la Vega, con Álvaro Gil”.

Representantes de todos os partidos da corporación municipal de Lugo asistiron ao traslado de Uxío Novoneyra.

O gaiteiro Bruno Villamor interpretou o Himno de Galicia e Elba Rey depositou a bandeira galega sobre o cadaleito do poeta que agora xa descansa na súa terra natal,  nunha tumba situada na horta da súa casa, “entre roseiras e follas de castiñeiro”, precisou o seu fillo.