Enlaces accesibilidad

AVE e Xacobeo 2022, dous reclamos en Fitur para atraer visitantes a Galicia

  • Prevense este ano catro millóns de turistas e en 2023 recuperar os niveis anteriores á pandemia
  • O Camiño preséntase coma reclamo de turismo sostible

Por
Galicia en Fitur

O Pavillón de Galicia acolle estes días máis de medio cento de actos promocionais.Os seus máis de mil metros cadrados en Fitur, a feira do turismo que se celebra en Madrid, son escenario onde entidades, empresas e administracións presentan a oferta turística.

Oferta múltiple

Unha oferta moi variopinta na que teñen cabida dende a volta dos concertos multitudinarios a Riazor que presentou a cidade da Coruña á destacada presenza de localidades galegas coma Rivadavia e Tui na rede de xuderías.

Á oferta local súmanse tamén iniciativas relacionadas co turismo verde, aínda que sexa urbano. É o caso de Santiago, que recolleu o recoñecemento do carballo centenario de Conxo coma Árbore Española do Ano 2022 e presentou, cadrando con Fitur, a súa candidatura ao título europeo de Tree of de Year e aproveitou para promocionar unha campaña que destaca os 6 millóns de metros cadrados de parques verdes da cidade.

O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, resallta o vencello do carballo de Conxo cos historia de Galicia.

O Camiño coma reclamo de turismo sostible

A prolongación do Ano Santo e de todas actividades relacionadas co Xacobeo neste ano 22 é un elemento unificador de toda a oferta turística representada no pavillón galego, onde se destacan os valores culturais, paisaxísticos e históricos das distintas rutas e o acaída que resulta a peregrinación nun momento no que o distanciamento social, o contacto coa natureza e a actividade física se presentan coma bos remedios contra a pandemia.

Por iso un dos símbolos da presenza galega en Fitur é o botafumeiro de prata que preside o stand. Un botafumeiro a tamaño real e rodeado de espellos co que os visitantes se poden fotografar e que se converte en punto de atracción de moitos dos que pasan por alí.

O AVE

A celebración de Fitur na súa data tradicional, de finais de xaneiro, colle a Galicia de estrea na comunicación por tren de alta velocidade ata esta esquina peninsular. Como dixo o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no acto inaugural, un madrileño que saia de traballar ás tres da tarde xa pode decidir coller o tren para chegar en tres horas á nosa comunidade.

Ourense, o punto de chegada do novo servizo, presentou en Fitur a súa oferta coma destino termal.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pon coma obxectivo para este 2022 recibir a algo máis de catro millóns de visitantes, "para chegar ao 2023 recuperando os cinco millóns de antes da pandemia".